Xa está en marcha en Rianxo a nova edición (a sexta) do festival de arte urbano Viladomar -máis alá dos muros-! Durante os vindeiros días poderemos visitar os diferentes puntos nos que as artistas están traballando este ano e comprobar de primeira man os avances nas obras. Os murais estanse a desenvolver no 63 da rúa Loureiros, da man de Pelucas Bubles, na Escola do Pazo, da man de Xoana Almar e Lúa Gándara, e no encontro da Capela de Santa Lucía: unha obra de Yoseba MP.

O festival conta con financiamento do Concello de Rianxo e da Deputación da Coruña.
Lembrar tamén que no marco deste certame celebraranse dous roteiros teatralizados polos murais do municipio, un ás 10:30 e outro ás 18:30 horas, este sábado 12 de xullo.
A agrupación Teatro Airiños será a encargada de guiar o percorrido polas intervencións artísticas combinando historia, arte e teatro en vivo.
Podemos apuntarnos a través da páxina web do festival.

A nova edición de Viladomar desenvólvese dende este 3 de xullo até o 12 deste mesmo mes, aposta unha vez máis por “activar o espazo público a través da arte e afondar no vínculo entre comunidade, creación artística e contorno rural e mariñeiro”.
Os catro murais desta edición están a ser realizados por artistas galegos e galegas cunha longa traxectoria, cunha forte conexión co territorio e linguaxes plásticas moi persoais.
Lúa Gándara e Xoana Almar interveñen xuntas nos muros do antigo Pazo unindo abstracción e figuración nun proxecto compartido. Pelucas Bubbles, con máis de 25 anos de experiencia e tras un longo período creativo en México, está a traballar na rúa Loureiros cunha peza de estilo surrealista e persoalísimo. Pola súa parte, Yoseba MP pinta en Asados, xunto á capela de Santa Lucía, cunha proposta que parte da documentación sobre a historia e o contexto da vila.
Como dixemos, a programación culminará o sábado 12 de xullo coa xornada Sons da vila, que inclúe roteiros teatralizados a cargo do grupo Airiños, obradoiros, proxeccións, música e un paseo en barco pola ría, e outras sorpresas, para celebrar esta nova edición de Viladomar.




