Aguiño xa respira aires de festa. Esta tarde presentouse oficialmente a programación das novas Festas do Carme, que se celebrarán os días 16, 17, 18 e 19 de xullo, e que chegan da man dunha recentemente constituída Comisión de Festas encabezada por Julio Abraldes. O acto contou coa presenza institucional do tenente de alcalde, Vicente Mariño, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, e o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes.
Mariño destacou “a capacidade de reacción e o entusiasmo” da veciñanza de Aguiño: “ao instante de cesar a anterior comisión, xa había unha nova traballando nun programa que foi elaborado nun tempo récord”. Loubou tamén o dinamismo da parroquia e convidou a toda a comarca “a gozar duns festexos únicos”.
Pola súa banda, Julio Abraldes agradeceu o apoio do Concello, os patrocinadores e o pobo de Aguiño, e avanzou os principais actos:
- Gran sardiñada popular con música en vivo de Chiña
- Procesión marítima especialmente emotiva
- Orquestras, DJs e actividades para todos os públicos
- 2ª Xuntanza de Esculturas de Area para nenos e nenas de 3 a 12 anos, o sábado 19 na praia do Rebalo
Un dos momentos máis esperados será a procesión marítima, para a que se habilitará un catamarán con capacidade para 370 persoas. O acceso será mediante boletos distribuídos na igrexa local, dando prioridade a quen asista á misa. Como cada ano, a ruta marítima concluirá con unha ofrenda floral en Forcadiña, que este ano estará dedicada a Juan Antonio García, “Pichón”, mariñeiro ribeirense desaparecido en 2024 nas Illas Malvinas.
Abraldes engadiu que a Virxe do Carme irá acompañada por arredor de 80 embarcacións tradicionais, coincidindo co XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que terá como sede Ribeira.
O segundo tenente de alcalde clausurou o acto destacando que “o Carme de Aguiño é unha das festas máis importantes do municipio” e subliñou o carácter “disruptivo e único” desta procesión mariñeira. “Non é doado ver unha homenaxe mariñeira tan emotiva acompañada por tantas embarcacións tradicionais.




