Este verán de 2025 volve a feira ribeirense de oportunidades Viamare Stock organizada novamente pola Asociación de Empresarios de Ribeira que preside Francisco Martínez Gude. Unha vez máis, o máis relevante desta feira serán os grandes descontos dos comercios que participan. A nova edición (a XX convocatoria) do evento foi presentada este xoves 31 de xullo no local da Asociación, onde Martínez Gude, acompañado do primeiro tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño, indicou que se celebrará os días 8, 9 e 10 de agosto no Malecón de Ribeira.

Nesta ocasión, contarase coa participación de 21 comercios asociados con cadanseu espazo personalizado (haimas), que ofrecerán os seus mellores produtos con grandes descontos.
O presidente da patronal de Ribeira indicou que “con motivo desta edición tan especial” (o 20 aniversario de Viamare Stock), por cada compra realizada polos clientes repartirase un tícket para participar nun sorteo presencial que se celebrará o domingo 10 ás 13:00 h. Sortearanse 150 € en premios, repartidos en tres vales de 50 €, para gastar ese mesmo día na feira.
A feira contará co apoio do Concello de Ribeira.




