
Este sábado 19 de xullo a praia do Rebalo en Aguiño acolleu a celebración da 2ª Xuntanza de Esculturas de Area de Ribeira, onde a rapazada e as familias tiveron a oportunidade de levantar figuras moi traballadas e cheas de enxeño.
Despois da exitosa edición do ano pasado as expectativas non fallaron xa que nesta segunda edición as inscricións chegaron aos 79 participantes cunha afluencia de público de preto de 280 persoas; este ano contouse como asociación convidada coa Asociación Ambar cuxas/os integrantes encargáronse de puntuar as esculturas. O impulsor da xuntanza José Antonio Paz de Pintega das Dunas creou para a ocasión un trofeo moi singular: un Bob Esponja esculpido en madeira cunha motoserra.
Non faltaron á xornada o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, o concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta, a presidenta da Asociación Ambar, Milagros Rey xunto co seu equipo e José Antonio Paz, de Pintega das Dunas.
As persoas asistentes puideron gozar dunha xornada familiar creativa onde ao comezo da mesma cobrou protagonismo unha quenlla martelo xigante creada por Juan Pego, Brais Pego, Suso Paz e José Manuel Riveiro.
Na praia puidéronse ver sereas, polbos, cangrexos até un dragón. O xurado de Ambar despois da liberación final ditaminou as esculturas máis sobresaíntes que foron: Martín o oso, O elegante estrabagante con colmillos diante e O Dragón de Corrubedo.
Para rematar procedeuse á entrega dos trofeos, doados por Océano Bienestar e Ignacio Montes, tódolos participantes levaron un recordo e tamén procedeuse ao sorteo do Bob Esponja da Pintega da Dunas que foi para Antón Vázquez.
Esta xornada estaba incluída no programa das Festas do Carme coa colaboración das concellerías de Mar e Turismo.



