A oitava edición do ‘Atlas Lingüístico Galego’ recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados

31 Xullo 2025

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) acaba de publicar, en colaboración coa Fundación Barrié e USC Editora, o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), obra de investigación dialectolóxica amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos “pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas”, explican. O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas no dominio do galego para 259 conceptos vinculados á educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado.

Para cada un dos conceptos ofrécese un mapa coa representación da distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das variantes recollidas, os significados asociados á variable estudada e a información complementaria anotada polo persoal investigador (usos das variantes, vixencia das formas, ou matices de significado, entre outros). Por exemplo, para o concepto de ‘tristeza causada pola nostalxia do fogar ou da familia’ recolléronse tres variantes básicas (morriña, soidades e señardá) que mostran unha distribución bastante compacta; para o significado ‘composición en verso que se canta’ a variante máis frecuente é cántiga, que se rexistrou na maioría dos lugares estudados, mentres que cantiga é forma de uso común sobre todo no sur da provincia de Pontevedra. O volume recolle 3.695 variantes léxicas para os preto de trescentos conceptos estudados.

O proxecto do ALGa comeza na década dos anos setenta do século pasado co obxectivo de estudar a variación xeolingüística do galego falado nas zonas rurais e enmárcase na Biblioteca Filolóxica Galega que xorde a finais dos anos noventa, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié co obxecto de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica en calquera das distintas disciplinas e liñas de investigación que contribúan ao avance do coñecemento sobre a lingua galega pasada e presente.

Ampla traxectoria 

No ano 1990 publicouse o primeiro volume dedicado ao estudo da Morfoloxía verbal; no ano 1995 publicouse o segundo, dedicado ao estudo da Morfoloxía non verbal; entre 1900 e 1999 publicouse o terceiro, dedicado á Fonética; o cuarto volume publicouse en 2003 baixo o titulo Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico; en 2006 viu a luz o V volume, dedicado a O ser humano; en 2016 presentouse o sexto volume baixo o titulo Léxico. Terra, plantas e árbores; en 2021 presentouse o VII volume, dedicado a O ser humano (II). O VIII volume que agora se presenta, O ser humano (III), pecha a serie dos tres dedicados ao léxico relacionado co ser humano. O material sobre o que se elaboran os volumes do ALGa está constituído polas enquisas realizadas en 167 localidades do territorio de fala galega entre os anos 1974 e 1977 por Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González. Este proxecto de investigación desenvólvese grazas ás axudas da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude e da Fundación Barrié.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...