A parroquia de Aguiño, celebrou este domingo a 26ª edición da súa Festa do Percebe, unha cita xa consolidada no calendario gastronómico galego e recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. O evento, organizado pola Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño en colaboración co Concello de Ribeira, congregou a centos de visitantes e veciños que puideron degustar arredor dunha tonelada deste produto mariño tan valorado.
Durante o acto oficial, o alcalde de Ribeira, acompañado de membros da Corporación Municipal, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro,
representantes da confraría e da veciñanza, puxo en valor o legado mariñeiro da parroquia e a importancia deste evento, que é Festa de Interese Turístico de Galicia.

“Falarmos do percebe de Aguiño é falarmos dun produto que nace do mar e do esforzo humano. É resultado da dedicación, do saber transmitido de xeración en xeración e da riqueza do noso ecosistema costeiro”, declarou o alcalde no seu discurso.
Barral lembrou como a Corporación Municipal por unanimidade entregou a Medalla de Ouro de Ribeira á Confraría de Pescadores de Carreira e
Aguiño, en recoñecemento ao seu compromiso constante coa sustentabilidade, a calidade do produto e a defensa do medio mariño. O
alcalde subliñou: “Síntome profundamente orgulloso de poder recoñecer publicamente o traballo desta confraría. Levan un século contribuíndo ao
desenvolvemento de Aguiño sen perder de vista a esencia mariñeira que nos define como pobo”.
A edición deste ano incluíu emotivos homenaxes. O exalcalde José Luis Torres Colomer, que gobernou Ribeira entre 1991 e 2011, foi nomeado Percebeiro de Honra pola súa implicación na creación da festa no ano 1997. Na súa intervención, Colomer lembrou os inicios da celebración e agradeceu o apoio constante da confraría e da veciñanza.
Tamén recibiu o recoñecemento de Percebeiro de Honra o Club de Xubilados de Aguiño e Carreira, polo seu papel clave na consolidación da confraría e na dinamización social da parroquia. O galardón foi entregado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, quen puxo en valor o “traballo constante e silencioso” da entidade.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na XVI Festa do Percebe de Aguiño, declarada en 2022 pola Xunta de Galicia de Interese Turístico de Galicia, e coa que, unha edición máis, colabora a Consellería do Mar. A responsable autonómica destacou que este tipo de iniciativas gastronómicas, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, teñen unha repercusión positiva tanto para a economía local, como para o propio sector, pois son un extraordinario escaparate para dar a coñecer a calidade dos produtos da rías galegas, ao tempo que poñen en valor o traballo dos profesionais da pesca.
No primeiro semestre de 2025 a cantidade total e o prezo medio do percebe vendido en lonxa, con respecto ao mesmo período de 2024, subiu un 0,62% e un 4,95%, respectivamente. Así, a rula de Aguiño situouse o pasado ano como cuarta co maior volume de actividade, dispensado 19.655 quilos que acadaron un valor de 919.215 euros. Nos seis primeiros meses do presente exercicio, na lonxa do Barbanza poxáronse 3.751 quilos por valor de 130.808 euros.
A festa rematou cun ambiente familiar marcado pola gastronomía, a música e a tradición mariñeira. O percebe de Aguiño volveu demostrar por que é un dos produtos estrela da costa galega e un emblema de identidade para a comunidade local.




