O Concello de Porto do Son compartiu os detalles dun dos grandes eventos culturais, creativos e históricos da comarca este verán: a Feira Celta edición 2025. Os postos de mercado (de gastronomía, artesanía ou téxtil), as tradicionais animacións de rúa, a música e os xogos de raizame celta para a rapazada tomarán as rúas da vila os días 25, 26 e 27 de xullo. Segundo confirmaron dende o Consistorio, participarán máis de 100 postos. A inauguración será o venres 25 ás 17h. Organizan o Concello e Rivendel. O programa tamén inclúe ruadas, contacontos, espectáculos de lume, pirotecnia, danza, concertos (de Awen o venres e Gálata o sábado) e un recuncho para os cativos.

Os detalles da feira foron dados a coñecer no Consistorio polo alcalde, José Luis Oujo Pouso; a concelleira de Cultura, Alicia Martínez Maneiro; e a técnico de Cultura, Lidia Moledo Laíño. Pódese consultar integramente na web do Concello do Porto do Son.
A xornada inaugural será o venres, 25 de xullo, a partir das 17:00 horas, coa apertura do mercado, obradoiros, recuncho infantil, ruadas, contacontos, espectáculos de lume e danza e o concerto de Awen, previsto para as 00:00 horas.
O sábado, 26 de xullo, a programación comezará desde as 11:00 horas coa apertura do mercado, obradoiros e recuncho infantil. Tamén haberá contacontos, ruadas de diversas temáticas, así como o de gran formato previsto para as 21:30 horas, espectáculo de lume, danza e pirotecnia ás 23:30 horas, o concerto de música celta de Gálata, e outro espectáculo pirotécnico pasadas as 00:30 horas.
Na derradeira xornada, domingo 27 de xullo, tamén haberá obradoiros e recuncho infantil, ruadas (tamén un desfile de gran formato ás 20:45 horas), monicreques, contacontos, e como fin, o espectáculo de lume e pirotecnia das 22:00 horas a cargo de A todo trapo, Keltha y Triskelion.

Tanto o alcalde, José Luis Oujo, como a concelleira de Cultura, Alicia Martínez Maneiro e a técnico de Cultura, Lidia Moledo Laíño, coincidiron en destacar “a ampla programación deste ano, na que as ruadas de diversos tipos serán os protagonistas e onde haberá espazo para que nenas, nenos e maiores poidan desfrutar de tres marabillosas xornadas”.
“Destacar tamén novamente unha ampla participación de postos de diversa índole, como gastronomía, téxtil -con disfraces por si hai algunha persoa despistada ou lle entran as ganas a última hora- e artesanía, que fan desta Feira Celta sen dúbida un referente na comarca e na provincia”, aseguraron.
Inscricións para entidades sen ánimo de lucro
O Concello de Porto do Son puxo a disposición das entidades sen ánimo de lucro un formulario na web municipal, co cal se pode solicitar a participación no evento. O prazo remata o día 23 de xullo.



