Portos de Galicia, ente público adscrito á Consellería do Mar, asinou o contrato para as obras de renovación da cuberta do edificio da Lonxa de Portocubelo, no municipio coruñés de Carnota. O ente público investirá 190.000 euros nesta actuación.
Segundo figura no contrato asinado, os traballos teñen un prazo de execución de 4 meses desde a sinatura da acta de inicio e permitirán recuperar a impermeabilidade do edificio sen interromper o seu normal funcionamento. Para este fin, dotarase ao edificio dunha nova cuberta de lámina impermeable.
En palabras de Portos, “esta actuación permitirá evitar as filtracións de auga así como os conseguintes danos e oxidación”. A solución técnica, ademais, “garante unha ancoraxe específica para as placas solares das que dispón o edificio de modo que se mantén a súa actividade”, explica Portos, engadindo que “as obras permitirán manter a imaxe orixinal do conxunto do edificio e continuar coa súa actividade de xeito ininterrompido durante a súa execución”.
Portos de Galicia prevé que os traballos poidan estar rematados “antes de final de ano” e con “esta obra melloraranse as condicións de traballos dos profesionais que operan na lonxa de Portocubelo e darase resposta a unha demanda reiterada pola Confraría de Pescadores de Lira”.




