
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, compareceu este martes 3 de xuño, na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo, para dar conta dos avances realizados polo ente público no procedemento de reversión ao Estado de terreos portuarios declarados innecesarios a fin de que a Administración central poida cedelos aos concellos que así o reclaman dado o seu uso público veciñal e non portuario. Álvarez Vidal explicou que no último medio ano “Portos de Galicia activou este procedemento conseguindo ter a día de hoxe pechada a proposta de reversión en 17 dos 25 concellos que o solicitaron”. Engadiu que para “maior axilidade neste procedemento decidiuse desenvolvelo por fases, proposta que se consensuou coa FEGAMP, así como os criterios técnicos que rexen á hora de establecer os terreos que se poden reverter á Administración Xeral do Estado”.
Na primeira fase incluíronse as propostas de reversión nos portos de A Guarda, Bueu, Cambados, Cangas, Foz, A Pobra do Caramiñal, Ponteceso (portos de Ponteceso e Corme), Oleiros (porto de Santa Cruz) e Vilanova de Arousa.
Tal como informou o presidente de Portos, unha vez consensuadas cos concellos e ratificadas polo Consello Reitor do ente público, estas nove propostas foron trasladadas á Consellería de Facenda para a súa avaliación patrimonial e tras validarse eleváronse ao Consello da Xunta que aprobou a súa remisión ao Estado. Así, dixo, “desde o pasado mes de abril están remitidas aos correspondentes servizos provinciais de Costas do Estado para que sexa agora o Ministerio de Transición Ecolóxica quen exerza a súa competencia sobre a aprobación definitiva se procede”.
Inmediatamente despois de rematar a tramitación da primeira fase, Portos de Galicia retomou o proceso cos 8 municipios incluídos na segunda, a saber: Rianxo, A Illa de Arousa, Vilagarcía, Laxe, Poio, O Grove, Mugardos e Moaña. Con todos eles, sinalou, “tense consensuado tamén a proposta de reversión que se presentará ao Consello Reitor do ente público este mesmo mes para a continuación trasladase a Facenda e continuar con procedemento de xeito idéntico á primeira fase”. Finalmente, o presidente de Portos indicou que despois do verán finalizarase a tramitación abordando as propostas da terceira fase na que se incluirán os portos de Burela, Cariño, Cedeira, Corcubión, Fisterra, Pontecesures, Ribeira e Viveiro.
O presidente de Portos subliñou o clima de consenso que presidiu todas as reunións celebradas cos diferentes alcaldes que solicitaron a reversión dos terreos para a posterior transferencia. Así mesmo agradeceu “a colaboración institucional amosada polos alcaldes e alcaldesas para axilizar o procedemento sobre o que finalmente será a Administración Xeral do Estado a que teña que decidir”.



