Os Premios PEL da Deputación baten récord de participación, con 127 candidaturas presentadas

04 Xuño 2025

A VII edición dos Premios PEL bateu este ano o seu récord histórico de participación, con 127 candidaturas presentadas por empresas e persoas autónomas da provincia da Coruña, segundo fixo saber a Deputación, convocante do certame, engadindo que “estamos ante un dos principais recoñecementos ao emprendemento e á innovación empresarial de Galicia”. O prazo de inscrición pechouse o pasado 16 de maio e o xurado de persoas expertas reuniuse na mañá deste 4 de xuño na sede da institución provincial para valorar as propostas, que optan a un total de 75.000 euros en premios.

Segundo confirmou a Deputación, o acto de entrega dos premios PEL 2025 terá lugar o venres 20 de xuño ás 19.30 h no Campus Tecnolóxico Cortizo de Padrón, nun evento que reunirá representantes do mundo institucional, empresarial e social.

Tres categorías, máis visibilidade

As candidaturas distribúense en tres categorías:

Iniciativa Emprendedora (31)

Traxectoria Empresarial (79)

Proxección e Innovación Sostíbel (17), esta última a proposta do propio xurado.

A Deputación explicou que “o perfil das entidades participantes reflicte a diversidade e dinamismo do tecido económico coruñés con 58 microempresas, 34 profesionais autónomos e unha ampla representación do sector servizos (83), no que destacan especialmente empresas de ámbitos como a hostalería, o turismo, a educación e a formación”.

Compromiso co territorio e coa igualdade

As candidaturas presentadas proceden de 40 concellos da provincia, cunha forte presenza das comarcas da Coruña e Santiago. Ademais, destaca o compromiso coa igualdade de xénero, xa que en máis da metade das candidaturas (60), as promotoras son mulleres ou as empresas contan cunha participación feminina igual ou superior ao 50 % no capital social.

Xurado experto e recoñecemento á excelencia

O xurado estivo presidido por Antonio Fontenla Ramil, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), e contou coa participación de profesionais do ámbito universitario, financeiro, da economía social e do emprendemento, como José Manuel Cotos Yáñez (USC), Antonio García Lorenzo (UDC), Rosa Mary Cardeso Trillo ( Cámara de Comercio de Santiago), Romyna Fraga Lesta (Cámara de Comercio da Coruña), Carme Pampín Casal (GalChimia S.A.) e Verónica Marcos Arrojo ( FADEMUR)

Durante a deliberación, valoráronse criterios como a orixinalidade da idea, o grao de innovación, o impacto social e territorial da empresa ou a implantación de medidas de responsabilidade social.

Ademais dos tres premios principais de 20.000 euros cada un, o xurado acordou conceder tres accésits de 5.000 euros a empresas cunha especial relevancia e impacto no territorio.

Acto de entrega en Padrón

Os gañadores desta edición 2025 dos Premios PEL da Deputación da Coruña daranse a coñecer durante a gala oficial que se celebrará o vindeiro 20 de xuño no Campus Tecnolóxico de Cortizo, en Padrón. O acto servirá para recoñecer publicamente a contribución das empresas ao desenvolvemento económico sostible da provincia e permitirá ademáis fomentar o contacto e o intercambio de experiencias entre as candidaturas participantes.

Máis información en pel.gal.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

La formación, respuesta a la IA”. José Castro López

La formación, respuesta a la IA”. José Castro López

La Inteligencia Artificial (IA) ya ha empezado a destruir empleo en empresastecnológicas y de otros sectores, una tendencia global que también comienza a sentirseen España. La Fundación de las Cajas de Ahorro (FUNCAS) presentó hace unos mesesun estudio sobre el...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.