A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presentou este martes 10 de xuño os detalles do proxecto Estudo Ecocartográfico de dúas zonas do litoral da Coruña, financiando polo Goberno de España, a través da Dirección Xeral da Costa e o Mar, cun investimento de 3.349.374,38 euros financiado polo Plan de Recuperación.

“O estudo persegue obter un coñecemento profundo do medio costeiro combinando datos físicos e biolóxicos e culturais cun claro obxectivo que é comprender mellor o estado actual da zona e, sobre todo, cal é a súa posíbel evolución, así como poñer en valor os nosos elementos patrimoniais”, explicou Rivas quen engadiu que “este tipo de estudos complexos e cun custe económico alto non se poderían ter realizado se non fose polos fondos do Plan de Recuperación”.
O proxecto, que ten unha duración de 24 meses, abrangue a análise ecocartográfica de dúas grandes zonas do litoral coruñés: desde o Cabo Prioriño Chico (Ferrol) ata o Cabo de San Adrián (Malpica), e desde o Cabo Fisterra ata o Cabo Falcoeiro (Ribeira), cunha superficie total de 407 km. Segundo explicou Rivas, é a primeira vez que se realiza un estudo destas características en todo o norte de España e, actualmente, só se está facendo un traballo similar en Tenerife.
Amais, a subdelegada indicou que “este proxecto pretende converterse nunha ferramenta clave para a planificación ambiental e para ter a capacidade de reacción ante o cambio climático e os seus efectos”.
O traballo, realizado pola UTE formada por Gehym, Topcad, Hidtma e Eurofins Iproma, contempla unha ampla variedade de traballos técnicos e científicos, entre os que destacan:
• Levantamentos topográficos e batimétricos para xerar modelos dixitais do terreo e do fondo mariño.
• Estudos morfodinámicos de praias para analizar a súa evolución e vulnerabilidade ante o cambio climático para o que se tomarán 1.140 mostras.
• Caracterización de sedimentos, comunidades bentónicas e planctónicas, fundamentais para avaliar a calidade ambiental. Están planificadas un total de 803 mostras de sedimento, cun maior esforzo nas zonas de ría e fronte ás praias. Tamén se recollerán un total de 1.500 mostras para analizar a natureza da columna da auga e a súa variabilidade estacional.
• Inventario de infraestruturas, verteduras e caladoiros de pesca, co fin de identificar presións humanas sobre o ecosistema.
• Estudos do patrimonio natural, arqueolóxico, histórico e etnográfico, que permitirán poñer en valor os elementos culturais e naturais do litoral.
• Cartografía de usos do chan e hábitats, integrados nun Sistema de Información Xeográfica (SIX) de alta resolución.
• Sistema de valoración ambiental, que permitirá clasificar áreas de especial interese ecolóxico, paisaxístico ou patrimonial.
Este plan que se deu a coñecer coincidindo co Día dos Océanos que se celebra o 8 de xuño, “é unha aposta moi importante do Goberno, un proxecto pioneiro co que estamos a adiantarnos ás consecuencias do cambio climático, coñecendo mellor nosa costa para poder anticiparnos ás consecuencias do cambio climático”, declarou Rivas, engadindo que o estudo contribuirá á planificación ambiental, á conservación do litoral e á sensibilización social sobre a importancia de protexer un espazo natural, as praias, que tamén actúa como primeira barreira fronte ao cambio climático.




