O colexio plurilingüe O Grupo, de Ribeira, deu comezo na tarde de onte aos actos conmemorativos do seu 75º aniversario cun emotivo evento na entrada principal do centro educativo.
A directora actual, Nieves Lampón, foi a encargada de abrir o acto cunhas palabras de benvida. A continuación, interviñeron os exdirectores Pedro Rovira e Anxo Corbelle, que repasaron con emoción os principais momentos das súas etapas á fronte do colexio.
O acto continuou coa participación do presidente da Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIPP O Grupo, Unai González, e de Manuel da Rosa, colaborador medioambiental do centro. Ambos participaron tamén na plantación simbólica dunha árbore na zona axardinada situada diante do edificio do colexio, como xesto conmemorativo e compromiso co medio ambiente.
Este evento marca o inicio dunha serie de actividades previstas ao longo do ano para celebrar os 75 anos de historia desta institución educativa da capital barbanzá.





