Medio milleiro de voces infantís cantou a Castelao na novena edición de “No bico un cantar”

06 Xuño 2025

A escasos metros da casa familiar onde Castelao naceu en 1886 e da casa que o converteu en veciño doutros autores ilustres como Manuel Antonio ou o propio Rafael Dieste, transcorreu a novena edición presencial do encontro musical No bico un cantar. O concerto, pensado para lembrar a vida e obra de Castelao contou cun programa moi popular.

Trala fanfarria Galliard Battaglia, peza barroca para instrumentos de vento, abriu o concerto Bicos do mar, con letra de Xesús Frieiro Dourado e música de Anxo Romero, que inclúe a gabanza á vila mariñeira lembrada con saudade desde América.

Seguiulles Lela, o pranto pola fermosa Lela de Os vellos non deben de namorarse escrito por Castelao.

A vida de Xesús Frieiro, alcumado Pinciñas, estivo marcada por idas e voltas á Arxentina. Foi alí onde coñeceu a Anxo Romero, que formaba parte do Coro Castelao, e entre os dous compuxeron a canción Ondiñas da nosa ría. A rianxeira, que tamén se interpretou no programa.

Un dos momentos destacados foi a estrea de Daniel, con música composta por José Luís do Pico Orjais sobre un poema de Emilio Pita —colaborador de Castelao— escrito desde a amizade e a emigración. Nado no Grove, Orjais é músico popular, mestre de música e director do CEP Xosé María Brea Segade en Taragoña. Coñecido polo seu labor de divulgación no ámbito literario e musical, Orjais é autor de numerosa bibliografía e discografía e creador de músicas para diferentes espectáculos teatrais e audiovisuais. O concerto rematou, como en todas as edicións, co Maio longo de Rosalía de Castro, xa convertido en himno deste proxecto. Todos os arranxos musicais do programa son do recoñecido compositor Juan Durán.

Un ano de traballo

A xornada deste venres pon o ramo a unha actividade que arrincou co inicio deste curso académico. O alumnado de canto e de linguaxe musical de dez conservatorios profesionais de música (CMUS) estiveron ensaiando o repertorio ao longo de todo ano ata o ensaio xeral que abriu a xornada. Os centros que participaron nesta edición dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participou tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires a través dunha gravación que trazou unha ponte entre a vila natal de Castelao coa cidade porteña na que o intelectual viviu os derradeiros anos e morreu exiliado en 1950. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exerceu de mantedora do acto.

O programa

Na frente unha estrela, no bico un cantar é o célebre verso de Rosalía de Castro que dá título a este programa didáctico musical. É unha iniciativa organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coas consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, xunto co concello que acolle cada edición. O pianista e director Maximino Zumalave foi un dos máximos impulsores do proxecto, que conta tamén con outros nomes destacados. Entre eles atópase o de Juan Durán, responsable de todos os arranxos desta edición e moi vencellado ao proxecto desde o seu nacemento.

Nas súas sete primeiras edicións o proxecto estivo dedicado a Rosalía de Castro (2013, Santiago de Compostela), Curros Enríquez (2014, Celanova), Ramón Cabanillas (2015, Cambados), os trobadores medievais (Cangas, 2016), os poetas mindonienses (Mondoñedo, 2017), os alalás (Betanzos, 2018), a tradición musical da raia (Tui, 2019) e en 2024, tras a parada obrigada pola COVID, recuperouse esta actividade coa homenaxe á xeración Nós, que tivo lugar en Ribadavia.

Outros artigos

Novo número de Código Cero, revista de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero o 278, na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.