O certame musical No bico un cantar, promovido polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Xunta de Galicia (Consellería de Cultura), celebra este 2025 a súa novena edición presencial nunha localidade que nos toca de preto: Rianxo, vila natal de Castelao, a quen se lle rende homenaxe neste ano polo 75.º aniversario do seu pasamento en Bos Aires (7 de xaneiro de 1950).

Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do Quinteto de metais Hércules Brass, máis de cincocentas nenas e nenos darán vida a versos de grandes autores e autoras da literatura galega (desde Ramón Cabanillas ata a Xeración Nós).
Participa alumnado dos conservatorios profesionais de música das sete cidades galegas, así como de centros da contorna de Rianxo. Este ano destaca tamén a colaboración especial do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, nunha ponte musical que une Galicia e a Arxentina a través das voces infantís e da memoria de Castelao.
A cita será este venres 6 de xuño ás 18.00 horas na praza de Rafael Dieste.
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na rolda de prensa de presentación do concerto (celebrada os días pasados), que estamos “ante unha das actividades máis emocionantes do noso calendario que este ano cumpre nove edicións presenciais”.
Pola súa banda, o alcalde Julián Bustelo, agradeceu a elección de Rianxo para homenaxear a Castelao “nun ano especialmente significativo”, xa que se celebran os 75 anos do pasamento do autor.
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, incidiu “no traballo previo de varios meses que remata nunha xornada de convivencia”.
Máis detalles
A novena edición do encontro musical No bico un cantar chega á vila de Rianxo, onde naceu en 1886 Afonso Daniel Rodríguez Castelao. A actividade, que terá lugar o venres 6 se xuño, arrancará pola mañá coa chegada dos nenos e nenas desde diferentes puntos de Galicia para os ensaios previos, nunha xornada de convivencia que contará con diferentes actividades lúdicas que acompañan os ensaios, os únicos que realizan todos xuntos, xa que ao longo do ano fano nos seus respectivos centros.
Pola tarde, ás 18:00 horas, terá lugar o concerto na praza de Rafael Dieste. Maximino Zumalave volve poñerse á fronte deste concerto, que contará coa participación da agrupación de metais Hércules Brass, conformada por Alejandro Vázquez (trompeta), Víctor Manuel Vilariño (trompeta), Javier González (trompa), Iago Ríos (trombón) e Rodrigo Rodríguez (tuba), que se converte nesta ocasión nun sexteto coa participación de Pablo Fernández Guzmán (trompa convidado). No recital participarán alumnas e alumnos dos conservatorios profesionais de música (CMUS) dependentes da Consellería de Educación: CMUS da Coruña, CMUS Xan Viaño de Ferrol, CMUS Xoán Montes de Lugo, CMUS de Ourense, CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra, CMUS de Santiago de Compostela, CMUS de Vigo, CMUS Felipe Paz Carbajal de Noia, CMUS Profesional de Ribeira Enrique Paisal e o alumnado da escola municipal de Porto do Son, Carnota, Santiago de Compostela, a EMUSPR de Rianxo, o Coro Infantil da OSG o Coro da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela. Este ano, como novidade, participa tamén o Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires. Un ano máis, a escritora Rosa Aneiros exercerá de mantedora do acto.



