Finalmente o establecemento hostaleiro da deportista ribeirá Ana Peleteiro na súa cidade natal vai abrir as súas portas á veciñanza este venres 20 de xuño no número 12 da praza da Porta do Sol, en Santa Uxía, a partir das 10.00 horas.
Area Café, para quen non o saiba, é o terceiro proxecto empresarial de Ana Peleteiro, que quixo amplificar esta actividade en Ribeira, localidade coa que garda fortes vencellos na que conseguiu os seus primeiros grandes fitos deportivos.
Será, nas súas palabras, “unha inauguración moi especial”, xa que contará coa presenza da atleta e Benjamin Campoaré, adestrador e parella de Ana Peleteiro, presentando o seu primeiro proxecto en común.
A inauguración oficial ante os medios desenvolverase entre as 9.00 e as 9.30 horas. O aforo será limitado. A apertura ao público xeral do establecemento emprazado no centro de Ribeira realizarase ás 10.00hrs.
Segundo foi desvelando Ana nas redes sociais ao longo dos meses pasados, o local destacará entre outras moitas cousas pola súa amplitude (con dobre altura), por incluír un espazo de coworking (traballo colaborativo), por un espazo central específico para baristas (especialistas en café), polo gran protagonismo que vai ter a cafeteira e pola zona habilitada para o merchandising.




