Este domingo, as Rías Baixas volverán estar baixo a influencia das altas presións, o que traerá consigo unha melloría do tempo na comarca.
Durante a xornada, espérase un tempo seco en xeral, aínda que nas primeiras horas non se descartan nubes baixas e brétemas costeiras, sobre todo nas zonas do litoral atlántico como Arousa, Sanxenxo, O Grove ou Bueu. Con todo, coa evolución do día, os ceos tenderán a abrirse, especialmente no interior e na metade sur das Rías Baixas, permitindo desfrutar dunha tarde con máis sol.
As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro descenso, mentres que as máximas subirán levemente(26-27 graos), sobre todo no interior de comarcas.
En canto ao vento, soprará moderado do norte-nordés na costa, mentres que no resto da rexión será frouxo, sen grandes incidencias.

O noso mar; Vento do norte á mañá e á noite e do noroeste á tarde, forza 3 a 4 á mañá, 4 a 5 á tarde e 4 a 6 á noite. Mar ovellado á mañá e forte marusía á tarde e á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1.5 metros á mañá e á tarde e 1 a 2 metros á noite.



