
O Concello de Boiro acolle os vindeiros 6 e 7 de xuño o XXI Campionato Nacional de Trepa de Árbores e a V Edición da Festa da Árbore organizado pola Asociación Española de Arboricultura. Na presentación destas dúas citas deportivas e ambientais participaron, xunto co alcalde (José Ramón Romero), Javier Carrizo, membro da xunta directiva da AEA, Adolfo Grao, membro da comisión do campionato, e Andrés Diéguez, membro da comisión do campionato e organizador local.
Este Campionato Nacional de Trepa de Árbores levase celebrando dende o ano 2001 e nesta ocasión vaise desenvolver en Boiro na zona de Praia Xardín debido, sinalaron, “a que reúne as necesidades para a celebración deste evento como son o conxunto arborado de calidade e espazo para colocación de stands de empresas colaboradoras”. Segundo apuntou Diéguez, “na zona do campionato instalaranse casetos de empresas patrocinadoras para demostración e venda de maquinaria… ademais de actividades complementarias para a rapazada”.
O Campionato consiste na realización de varias probas nas que os participantes, profesionais do mundo da arboricultura son puntuados baixo criterios de destreza, seguridade e rigor técnico. “Consta de cinco probas clasificatorias de velocidade, trepa clásica, probas de destreza, simulación dun rescate, habilidade…”, explicou Adolfo Grao.
Ademais, xunto con este campionato, celébrase tamén a Festa da Árbore con actividades lúdicas e educativas de sensibilización. O venres serán as probas clasificatorias e o sábado celebrarase a final cos 4 homes e dúas mulleres que pasen as probas clasificatorias de entre os 45 participantes desta edición”, recoñeceu Javier Carrizo.
O alcalde, José Ramón Romero, agradeceu á Asociación Española de Arboricultura por ter escollido Boiro para a celebración deste evento “un campionato nacional que estou seguro que vai ser moi atractivo de coñecer para a veciñanza así como fomentar as sinerxías co sector forestal que ten moito potencial na nosa zona”.



