O Concello de Boiro celebrou este xoves día 26 o Pleno ordinario correspondente ao mes de xuño. A sesión pode visualizarse íntegra na canle municipal de YouTube. Entre outros acordos importantes, a sesión saldouse coa aprobación definitiva do Orzamento 2025, cos votos a favor do PSOE e os votos en contra do PP, o BNG e Boiro Novo. Como lembraremos, as contas ascenden a 21.179.009 euros e entre os investimentos máis destacados atópase a rehabilitación integral da Casa da Cultura de Boiro que, en parte está subvencionada polo Goberno do Estado pero que ten un investimento municipal de 2.700.000 euros.

Nos investimentos para este ano recóllense tamén importantes partidas para o arranxo da rede viaria municipal, 450.000 euros; melloras no saneamento e abastecemento, 200.000 euros; mellora de edificios públicos de educación, cultura e deportes, 350.000 euros; e tamén a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios municipal para lograr eficiencia enerxética, para o que se reserva unha partida de 285.000 euros.
Votacións da sesión
1. Aprobación da acta da sesión plenaria do 15/05/2025 – retirado da orde do día.
2. Aprobación definitiva dos Orzamentos 2025 – aprobación co voto de calidade con 8 votos a favor (PSOE) e 8 votos en contra (PP, BNG e Boiro Novo).
3. Aprobación provisional da modificación puntual do PXOM para a modificación da ordenanza 6.2 Parque empresarial de Espiñeira – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).
4. Declaración especial interese e utilidade obras de construción dun peche perimetral de Amicos – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).
5. Póliza de crédito, obra denominada Rehabilitación da Casa da Cultura de Boiro – retirado da orde do día.
6. Suplemento de crédito 2/2025 – aprobación co voto de calidade con 8 votos a favor (PSOE) e 8 votos en contra (PP, BNG e Boiro Novo).
7. Moción do grupo municipal Boiro Novo para a promoción de vivendas de protección oficial e outras medidas para facilitar o acceso á vivenda – rexeitada co voto de calidade con 8 votos a favor (PP, BNG e Boiro Novo) e 8 votos en contra (PSOE).



