A Asociación Amicos, entidade do Barbanza centrada na integración das persoas con discapacidade, converteuse esta semana na anfitrioa do primeiro encontro presencial do consorcio internacional de All4Jobs, un proxecto financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea, que busca mellorar a empregabilidade da mocidade con discapacidade e/ou en risco de exclusión social a través da adquisición de habilidades persoais e profesionais. A reunión transcorreu os días 18 e 19 de xuño na sede boirense da entidade.

Os representantes das entidades socias de Italia, España, Chipre, Bélxica, Grecia e Romanía reuníronse durante dúas xornadas de traballo no Centro de Atención Integral de Amicos en Boiro. Tempo durante o que o equipo fixo seguimento das accións xa desenvolvidas no marco do proxecto, e avanzou nos distintos paquetes de traballo para planificar e coordinar as vindeiras actividades que se desenvolverán no marco da iniciativa.
O encontro tamén permitiu coñecer de preto a realidade e metodoloxía da entidade galega, da man do equipo de proxectos europeos, que guiaron aos socios nunha visita ás instalacións e programas que desenvolve Amicos en materia de inclusión sociolaboral.

A través da súa colaboración, o consorcio de All4Jobs busca xerar ferramentas prácticas, formativas e inclusivas para a mellora da inserción laboral da mocidade máis vulnerábel en Europa. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2024, desenvolverase ata febreiro de 2027.
Sara Mohamed, técnica responsábel de Proxectos Europeos de Amicos, destacou que “dende Shannara quixeron contar con Amicos porque traballamos con persoas con discapacidade intelectual e apoiámolas tamén na área de empregabilidade, o que aúna os principais obxectivos do proxecto”.
Asemade, destacou que estas dúas xornadas estivo dirixido a “poñernos ao día sobre as últimas reunións telemáticas, poñer en común os paquetes de traballos que se desenvolveron ata o de agora e os seguintes pasos, así como aspectos financeiros e de difusión do proxecto. Tamén comezamos a estudar o próximo encontro formativo, que terá lugar no 2026 en Chipre”.

Un traballo en distintas fases
Dende Amicos explicaron que polo de agora, o equipo do proxecto realizou un mapeo de empresas inclusivas e responsábeis na contratación, un marco de competencias de distintos perfís profesionais frecuentes nas entidades colaboradoras, así como varios videopodcasts entrevistando a profesionais de recursos humanos, beneficiarios e familiares para consultar dificultades para obter emprego.
Os seguintes pasos irán dirixidos ao desenvolvemento de kits de ferramentas para orientadores laborais e outros profesionais, así como ferramentas dixitais con simulacións en realidade aumentada de situacións ás que os mozos e mozas poderían enfrontarse ao postularse para distintos postos laborais.

O consorcio de All4Jobs está coordinado por Shannara Cooperativa Sociale (Italia), e formado por Amicos (España), Christos Stelios Ioannou Foundation (Chipre), CEFEC (Bélxica), Digi-Hub (Grecia) e GAL (Romanía), todas entidades cunha ampla traxectoria en innovación social e traballo con colectivos en risco de exclusión.
