O Concello da Pobra do Caramiñal anuncia a convocatoria dun concurso de proxectos para seleccionar a proposta que guíe a redacción dun novo plan director da súa fachada marítima. Este proceso conta coa coordinación técnica da Fundación RIA, o apoio administrativo e legal do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o financiamento da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP).

Desde 2024, a Fundación MOP colabora coa Fundación RIA no financiamento de recursos humanos, técnicos e económicos que permiten apoiar a concellos na planificación de proxectos estratéxicos. Poñendo o foco na calidade do espazo público, a reorganización do mercado semanal e a ordenación da mobilidade, o ámbito de actuación deste concurso esténdese desde a Ponte de San Antonio ata a Estación de Autobuses, e inclúe a zona portuaria, equipamentos públicos, espazos verdes e tramos da estrada AC-305.
O xurado estará presidido polo alcalde da Pobra do Caramiñal e integrado por Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos), Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos), Ana Fernández, en representación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e o arquitecto municipal, Miguel Martínez Castro.
A convocatoria desenvolverase nunha única fase e baixo anonimato. Concederanse tres premios de 20.000 €, 8.000 € e 5.000 €, e a proposta gañadora asumirá a redacción do plan director mediante un contrato valorado en 50.000 €. A publicación oficial realizouse este 23 de xuño na Plataforma de Contratación del Sector Público, dando inicio ao prazo de 60 días naturais (25 de agosto ás 13.00 h – hora peninsular) para a presentación de propostas.
O concurso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que puxo de manifesto as dificultades actuais derivadas do trazado da AC-305 e da localización do mercado semanal, así como o potencial dunha reconfiguración integral do ámbito. A reestruturación do tráfico, a redistribución dos postos do mercado e a mellora dos espazos libres serán eixes centrais das propostas, sinalan as entidades impulsoras do proxecto, engadindo que a proposta gañadora recibirá o encargo do plan director e marcará a folla de ruta para futuras intervencións urbanas na Pobra do Caramiñal. A convocatoria permitirá tamén distinguir outras ideas destacadas mediante premios e mencións. O anuncio oficial do concurso publicarase nas próximas semanas a través das canles habituais do Concello e das entidades colaboradoras.