A Pobra prepárase para un verán de intensa actividade deportiva, con 34 propostas entre xuño e setembro

09 Xuño 2025

O deporte volverá ser un dos grandes protagonistas do verán na Pobra. Así o confirmou este 9 de xuño, o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, na presentación da programación. O calendario conta con 34 propostas distintas entre as que se inclúen do Concello, as dos clubs e entidades deportivas do municipio, competicións e xornadas especiais como a Festa da Bici ou o Día do Deporte na Rúa. O obxectivo, tal e como explicou o edil, “é brindar unha oferta de lecer ampla e con propostas pertencentes ás distintas disciplinas deportivas e para veciños e veciñas de todas as idades”. Sobrido incidiu en que, aparte das actividades municipais, o calendario verase “enriquecido grazas ás entidades deportivas”.

No referente ás actividades, haberá propostas organizadas pola Concellería e outras polos propios clubs da Pobra. No apartado municipal impartiranse as seguintes iniciativas: fútbol praia, fútbol sala mixto de iniciación, pilates, camiñadas e estiramentos, ximnasia de mantemento, camiñadas para maiores, ximnasia para maiores, full body (iniciación) e baile-salsa e ritmo latino. A isto hai que sumar, así mesmo, as que celebrarán os clubs:

-Tenis, organizado por Tenis Punta Salera

-Patinaxe artística do Club Patinaxe A Pobra

-Baloncesto do Club Asambal

-Campus de Atletismo, A.A.D. Barbanza

-XIX Campus de Fútbol Base do Puebla F. C.

-Remo por parte do Club Remo Puebla

-Vólei praia

-Xadrez con C.D. Marquiño

-Artes marciais coa Asociación Deportiva Kempo Pobra

-Tiro con arco (curso de iniciación) do Club de Arqueiros do Barbanza

Competicións

A Pobra acollerá este verán máis dunha ducia de competicións e citas deportivas de importancia. De feito, a primeira será este sábado, 14 de xuño, cun Torneo de Tenis de Mesa. En xuño levarase a cabo tamén o I Torneo de Fútbol Feminino Categoría Cadete (21 de xuño) e a II Bandeira de Veteranas do Concello da Pobra (28 de xuño).

Xullo comezará coa IV Carreira solidaria Móvete pola Diabetes (5 de xullo). O sábado, 12 de xullo, a dársena do peirao comercial acollerá a XIX Bandeira de Traíñas Concello da Pobra do Caramiñal e tamén, entre xullo e agosto, terá lugar o Tenis Circuíto do Barbanza. Outra das propostas do mes será a XXXIII Festa da Bici (13 de xullo).

Agosto será o mes das Traíñas Liga ACT (9 de agosto), o LI Trofeo C. F. De Fútbol, organizado polo Puebla C. F, o Torneo de Vólei Praia, o X Torneo de Xadrez na Rúa, o Día do Deporte na Rúa (29 de agosto) e a XVI Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal (31 de agosto). As dúas últimas citas do verán serán o Campionato Galego de Remo de Mar (14 de setembro) e a LXIV Milla Urbana Nocturna (19 de setembro).

As persoas interesadas en anotarse nas actividades deberán facer unha preinscrición a través do formulario dispoñíbel as oficinas de Deportes e na páxina web municipal. Este formulario deberá entregarse no rexistro ou na sede electrónica a partir deste xoves, 12 de xuño.

As persoas que precisen máis información poderán contactar coa área de Deportes a través do correo electrónico deportes@apobra.gal ou no teléfono 981 831 545 (extensión 1).

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.