O Concello da Pobra do Caramiñal convocará nas vindeiras semanas un concurso público de arquitectura para seleccionar a proposta que guiará a redacción do Plan Director da súa fachada marítima. A iniciativa é promovida polo Concello da Pobra do Caramiñal, co apoio do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e da Fundación RIA, e conta co apoio da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP), que contribúe economicamente ao financiamento dos estudos previos de análise e planificación, así como ao co-financiamento dos premios do concurso e outros gastos relacionados.

Segundo explican as ditas entidades, o ámbito do concurso abrangue desde a ponte de San Antonio ata a estación de autobuses, e está estruturado en tres áreas complementarias: a reordenación do mercado semanal, a articulación dos espazos públicos e unha nova estratexia de mobilidade. Trátase, indican, “dunha oportunidade para repensar a relación entre o tecido urbano e o borde litoral, mellorando a calidade do espazo público e fomentando a cohesión social e económica da vila”.

Entre os obxectivos principais do concurso están “a mellora da accesibilidade, a integración funcional dos equipamentos e a creación dun espazo público coherente e de calidade”. Nas bases faise saber que “os equipos participantes deberán incorporar propostas sobre mobilidade, infraestrutura verde e azul, enerxía e circularidade, e metodoloxías participativas, ofrecendo solucións por fases que garantan a súa viabilidade técnica e económica”.

O concurso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que puxo de manifesto as dificultades actuais derivadas do trazado da AC-305 e da localización do mercado semanal, así como o potencial dunha reconfiguración integral do ámbito. A reestruturación do tráfico, a redistribución dos postos do mercado e a mellora dos espazos libres serán eixes centrais das propostas, sinalan as entidades impulsoras do proxecto, engadindo que a proposta gañadora recibirá o encargo do plan director e marcará a folla de ruta para futuras intervencións urbanas na Pobra do Caramiñal. A convocatoria permitirá tamén distinguir outras ideas destacadas mediante premios e mencións. O anuncio oficial do concurso publicarase nas próximas semanas a través das canles habituais do Concello e das entidades colaboradoras.





