O presidente da Deputación e o alcalde de Boiro clausuran a II Feira de Emprego do Barbanza

15 Maio 2025

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, clausurou este martes 15 de maio en Boiro a II Feira de Emprego de Barbanza, unha iniciativa que se consolida como punto de referencia no ámbito do emprego e o emprendemento na comarca. Acompañado polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, Formoso puxo en valor o papel de eventos como este para xerar oportunidades reais no territorio e combater o despoboamento: “O emprego é clave. Sen empresas e sen oportunidades laborais, o rural queda baleiro”, afirmou no transcurso da feira organizada polo Concello de Boiro.

Na súa intervención, o presidente provincial destacou que “esta cita é moito máis ca un espazo de información ou orientación laboral: é un escaparate de talento e compromiso, onde se poñen en contacto as necesidades dun tecido empresarial potente coas aspiracións e capacidades de persoas que queren traballar ou emprender na súa terra”. Destacou tamén a aposta do Concello de Boiro “por consolidar este evento e convertelo nunha referencia na comarca”.

Ademais, subliñou que o apoio ao emprendemento e á xeración de emprego de calidade máis alá das grandes cidades é unha das prioridades estratéxicas da Deputación da Coruña, e destacou os resultados do Plan de Emprego Local (PEL), que leva preto dunha década en funcionamento. “7.700 empregos creados, 2.700 pequenas empresas apoiadas, 4.000 autónomos que viron reducida a súa cota á Seguridade Social. Son cifras que amosan un modelo de política pública que funciona e transforma o territorio”, afirmou.

Entre as ferramentas clave dese modelo, o presidente fixo referencia á Rede Provincial de Coworking, con once centros espallados pola provincia (entre eles o Barbanza-Lab de Boiro, e tamén o Coworking da Pobra do Caramiñal, os dous no Barbanza), que “funcionan como viveiros de proxectos empresariais e espazos de innovación”, dixo, engadindo que “onte mesmo recibimos en Córdoba un recoñecemento da Federación Andaluza de Municipios e Provincias como mellor iniciativa estatal de apoio ao emprendemento no rural, é unha mostra máis de que desde fóra miran para esta provincia, que estamos facendo as cousas ben e de que o futuro pasa por apoiar o talento e o emprendemento local”, indicou.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, agradeceu a presenza do presidente da Deputación e destacou o esforzo do concello por ofrecer á veciñanza ferramentas que melloren a empregabilidade e impulsen o tecido produtivo local. “Hai que apostar pola formación, pola innovación e pola colaboración institucional para que a xente nova poida desenvolver aquí os seus proxectos vitais e profesionais”, afirmou o rexedor boirense. Ambos representantes coincidiron na importancia de que administracións locais e provinciais traballen da man para crear oportunidades e fixar poboación no rural.

A II Feira de Emprego de Barbanza incluíu ao longo destes dous días relatorios especializados sobre as novas competencias demandadas polo mercado laboral, como a Intelixencia Artificial, a economía circular, a dixitalización ou as estratexias de selección e formación de persoal. Tamén se celebraron obradoiros prácticos, espazos de asesoramento para persoas emprendedoras e encontros directos entre empresas e persoas candidatas.

Clausura do III Campionato barista de centros de educación especial

O presidente da Deputación, o alcalde de Boiro e a directora xeral de Formación Profesional, María Eugenia Pérez, participaron tamén no Pazo de Goiáns na clausura do III Campionato Barista de Colexios de Educación Especial, unha proba práctica que se celebra na especialidade de servizos de restauración con centros de educación especial de toda Galicia.

Nesta edición participaron o CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela), o CEE Infanta Elena (Monforte de Lemos), o CEE Paxón (Nigrán), o CEE Saladino Cortizo (Vigo), o CEE Pontevedra (Pontevedra), o CEE Maria Mariño (A Coruña) e o CEE Terra de Ferrol (Ferrol).

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...