O PP denuncia que o goberno de Ribeira renuncia a máis de 275.000 euros de fondos europeos para revitalizar o comercio local

16 Maio 2025

O Concello de Ribeira vén de renunciar voluntariamente a 275.142 euros de fondos europeos do Plan de Fortalecemento da Actividade Comercial en Zonas Turísticas, segundo denunciou esta mañá a voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, María Sampedro. A edil popular acusou ao goberno tripartito de “xestión infantil” e advertiu que esta renuncia podería ser o preludio de máis perdas de subvencións comunitarias.

Sampedro revelou a existencia dun decreto datado o 22 de abril que formaliza a devolución destes fondos, obtidos polo anterior executivo local no marco dun plan dotado con 1,9 millóns de euros, dos cales 400.000 eran achegados polo propio Concello e o resto polo Ministerio correspondente.

Entre as actuacións que se verán afectadas pola renuncia destacan:

  • A mellora da accesibilidade na praza do Concello, unha obra adxudicada desde hai un ano por 51.700 euros e aínda sen iniciar.
  • A perda de máis de 100.000 euros para a creación dun aparcamento disuasorio nas Abesadas.
  • A cancelación de 52.000 euros destinados a iniciativas de mobilidade sostible, como a Feira do Vehículo Híbrido promovida pola Asociación de Empresarios.
  • A renuncia a 36.300 euros para cartelería dixital e 18.000 euros para formación dixital de comerciantes.

A voceira popular destacou que estes proxectos foron elaborados co apoio tanto da Asociación de Empresarios coma da Asociación de Praceiros, e lamentou que se perda unha oportunidade de apoio directo ao tecido comercial local:

“Sorpréndenos que o goberno diga que non hai cartos para colaborar coas asociacións e, á vez, renuncie a fondos que estaban comprometidos”, afirmou.

Sampedro advertiu que é a primeira vez que Ribeira devolve fondos europeos, malia ter sido un concello referente na súa captación. Mostrou tamén preocupación pola continuidade doutras obras financiadas con fondos europeos, como a da praza do Centenario, que segundo o PP tiña que estar rematada o pasado 31 de marzo.

Finalmente, anunciou a presentación dunha moción no vindeiro pleno para reactivar a zona comercial da rúa Mariño de Rivera e esixiu explicacións ao alcalde Luis Pérez Barral sobre o destino das actuacións previstas inicialmente co Plan de Fortalecemento.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.