
O Concello de Boiro presentou para a súa aprobación e debate no vindeiro pleno un Orzamento para o ano 2025 que ascende aos 21.179.009 euros. O alcalde, José Ramón Romero, e o tenente de alcalde e concelleiro de Facenda, Luís Ruiz, falaron máis polo miúdo do que inclúe este orzamento.
En canto aos investimentos máis destacados, sinalaron, atópase a rehabilitación integral da Casa da Cultura de Boiro que, en parte está subvencionada polo Goberno do Estado pero que ten un investimento municipal de 2.700.000 euros.
Nos investimentos para este ano recóllense tamén importantes partidas para o arranxo da rede viaria municipal, 450.000 euros; melloras no saneamento e abastecemento, 200.000 euros; mellora de edificios públicos de educación, cultura e deportes, 350.000 euros; e tamén a instalación de paneis fotovoltaicos en edificios municipal para lograr eficiencia enerxética, para o que se reserva unha partida de 285.000 euros.
Explicaron que se trata dun orzamento que medra un 21’95% con respecto ao da anualidade anterior debido, en boa medida, á póliza de crédito para facer fronte á rehabilitación da Casa da Cultura, e que fai fronte a todas as obrigas que o Concello de Boiro ten para a anualidade 2025, incluída a subida salarial froito da negociación e aprobación dunha modificación da Relación de Postos de Traballo, que supón un aumento de 1.018.313; e tamén o aumento do canon de SOGAMA para a recollida de lixo e que lle supón ás arcas municipais un desembolso de máis de 230.000 euros.
O concelleiro de facenda, Luis Ruiz, argumentou o motivo polo que o orzamento se leva ao pleno neste momento e non é outro que “contemplar no capítulo de persoal o resultado da negociación que se viña facendo co comité de empresa para aprobar a subida salarial acorde á modificación de postos de traballo, e agardar pola aprobación dos Orzamentos do Estado que aínda non se produciu polo que se realiza unha estimación deses ingresos”.
Trátase, engadiu, “dun Orzamento ambicioso pero prudente que atende a todas as obrigas municipais pero tratadas con prudencia, que son as liñas fundamentais que dirixen a política económica deste Goberno”, recoñeceu Luis Ruiz, engadindo que no documento estímase que, a 31 de decembro de 2025, a débeda viva do Concello estea nun 22.62%, “por debaixo da actual e moi por debaixo do limite do 75% que teñen as entidades locais”.
O alcalde, José Ramón Romero, denominou as contas para o 2025 como “un Orzamento ambicioso que garante o crecemento de Boiro mellorando a calidade de vida dos boirenses”. A súa aprobación, dixo, reflicte o proxecto de futuro que un goberno ten para o seu pobo e “o obxectivo deste Executivo local é seguir sendo un referente na comarca e na provincia, seguir liderando o emprego e atraer novas industrias e asentar poboación para pasar dos 20.000 habitantes”.
Sinalou tamén que o Goberno de Boiro ten tres premisas fundamentais e que son “seguir apostando pola formación para o emprego; dotar ao municipio de máis terreo industrial, e dispoñer de vivenda”.
Indicou o rexedor que nos últimos datos publicados polo INE indícase que Boiro “é o terceiro municipio de España de máis de 10.000 habitantes no que máis medra o Emprego, este dato énchenos de orgullo pero non podemos quedar aí parados”.
O alcalde anunciou as liñas de traballo que se están a levar a cabo e os proxectos máis relevantes para os vindeiros anos que son a ampliación do Polígono Industrial de Espiñeira e a creación e vivenda co desenvolvemento do Plan Parcial de Barraña para a construción de máis de 900 vivendas.
“Dende o Goberno local afrontamos esta etapa concienciados de que temos que contribuír ao crecemento do noso pobo e facelo con ambición e prudencia para lograr un crecemento sostíbel e que mellore a vida dos nosos veciños e veciñas”, recoñeceu o alcalde.