
O alcalde, José Ramón Romero, e o tenente de alcalde, Luis Ruiz, mantiveron unha xuntanza este 21 de maio coas directivas do Club de Pensionistas e Xubilados “Mar e Terra” e a Asociación de Xubilados e Pensionistas “Aroña” para dar conta dos pasos realizados polo Concello de Boiro para solicitar unha residencia pública da terceira idade. O obxectivo desta xuntanza foi “trasladar ás asociacións de xubilados o traballo que dende o Goberno vimos realizando para que a residencia pública da terceira idade en Boiro sexa unha realidade, porque somos coñecedores da gran demanda social e histórica que existe e necesitamos traballar da man”, afirmou o alcalde.
O rexedor lembrou que a raíz do anuncio realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, do plan do Goberno autonómico para construír 24 residencias de maiores que sumarán 1.800 prazas en concellos de menos de 50.000 habitantes e que se farán en concellos limítrofes, “os Concellos de Boiro e Rianxo puxéronse a traballar de forma conxunta para presentar á Xunta de Galicia o traballo realizado por ambas as dúas administracións”.
Tamén recordou que o Concello de Boiro ten a disposición da Xunta de Galicia os terreos para a construción dunha residencia pública da terceira idade e tamén ten realizado xa un anteproxecto dende o ano 2022 para a súa execución. O”s terreos propiedade do Concello e que están a disposición da Xunta atópanse no Plan Parcial de Barraña e trátase dunha finca, detrás do parque da Cachada, dunhas dimensións de 5.670 metros cadrados ao lado dunha de 3.979 metros cadrados destinada a zona verde”, sinalou, engadindo que Boiro e Rianxo son os únicos municipios da comarca nos que na actualidade non existe ningunha residencia de maiores. “Entre os dous suman 30.000 habitantes dos cales máis de 2.000 son maiores, por iso a residencia da terceira idade é cada vez máis necesaria e temos a disposición da Xunta todas as facilidades para que sexa unha realidade”, recoñeceu o alcalde.