O Bruón Folk Fest arrinca este venres cunha carpa exterior no Centro Recreativo de Artes para facer fronte á previsión de chuvia

08 Maio 2025

Este venres 9 de maio arrinca a segunda edición do Bruón Folk Fest 2025, o festival de Artes (Ribeira) que celebra a música, a palabra e a cultura galega e que porá o foco, nesta segunda convocatoria, na literatura popular oral e a súa fonda conexión coa música tradicional. A cita comeza o venres 9 de maio pola tarde, no corazón do festival localizado no Centro Recreativo de Artes.

Organizado pola Asociación Cultural Os Liantes, o festival quere comezar esta edición poñendo en valor a riqueza da nosa tradición oral, nun ano en que o Día das Letras Galegas homenaxea, precisamente, ás cantareiras e á literatura popular.

O programa de actividades deste venres 9 de maio inclúe unha mesa redonda que contará coa moderación de Nel Vidal Barral, figura recoñecida no ámbito da normalización lingüística en Galicia, e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Ocupou tamén a presidencia da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) sendo unha das súas caras máis visíbeis e activas nesta entidade.

Acompañarán a Nel Vidal dúas figuras de recoñecido prestixio:

Carlos Callón: Profesor (USC e IES San Clemente) de Castiñeiras (Ribeira), investigador, escritor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. Autor do recente e aclamado libro Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega, Callón achegará unha visión experta sobre a historia e a vitalidade das nosas cantigas, coplas e outras formas de literatura popular.

Lupe Blanco: Referente indiscutíbel da regueifa actual. Considerada unha das mellores regueifeiras do país (gañadora de tres Premios Galegos da Regueifa), é a primeira profesional da improvisación oral cantada en galego e unha peza clave na revitalización e formación de novas xeracións nesta arte a través da Escola de Regueifa de Carballo e numerosos obradoiros.

A continuación da mesa redonda celebrarase unha foliada libre, arredor das 22.00 horas.

A organización avanzou que “en previsión do mal tempo, vaise dispor de carpa no exterior e, se finalmente chove, as actividades nas que a súa natureza o permita, vanse trasladar ao interior do Centro Recreativo”.

Programa do sábado, 11 de maio

11:00 Foliada Infantil.

12:00 Obradoiro artesanía.

12:30 Actuación Cé Orquestra Pantasma

14:00 Actuación As Maianas

15:00 Obradorio escultura.

16:30 Actuación Os Monifates.

17:30 Micro Aberto

Xogos infantís

18:30 Obradoiro infantil Chaveiros.

20:30 Obradoiro de baile tradicional con Gabriel das Chamosas.

21:30 Actuación Os Liantes.

22:30 Actuación Boroa.

23:45 Actuación Isidro Vidal.

01:00 Actuación Habelas Hainas.

02:30 Himno Bruón.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...