O BNG informa en Ribeira sobre os impactos de Altri e a mina de Touro

07 Maio 2025

O Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira ateigouse de veciñas e veciños este lun 5 de maio con motivo dun acto informativo organizado polo BNG para abordar os impactos ambientais e sociais que suporía a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, así como a posíbel reapertura da mina de cobre en Touro. O evento contou cunha destacada participación veciñal, o que, en palabras do BNG, “evidencia o interese social que existe en coñecer de primeira man os efectos que estes proxectos poden ter sobre o medio ambiente e, especialmente, sobre a ría de Arousa”.

A concelleira do BNG en Ribeira, Antía Alberte, foi a encargada de abrir o acto, que contou coas intervencións de Alfredo Otero, vicepresidente da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR); Olaia Ledo, responsábel da área de ecoloxismo do BNG; Rogelio Santos, profesional do mar e creador de contidos dixitais; e Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, que pechou o acto.

Os relatores coincidiron en sinalar que tanto o proxecto de Altri como a mina de Touro supoñen “unha seria ameaza para os ecosistemas da comarca da Ulloa, o río Ulla e, por extensión, para a ría de Arousa”. Destacaron que esta ría, unha das máis produtivas en peixe e marisco de Europa, “xa vén rexistrando nos últimos anos unha perda progresiva de produción e que calquera novo impacto ambiental podería agravar a situación de maneira irreversíbel”.

Os relatores manifestaron un rexeitamento claro e contundente ao proxecto de Altri, ao consideralo “un modelo industrial alleo ao interese da maioría social galega, baseado na depredación do territorio e no beneficio dunha multinacional a costa dos recursos naturais do país”.

Advertiron tamén que a instalación desta macrocelulosa suporía “un consumo desmesurado de auga do río Ulla da que se abastece A Barbanza para a conserva e para o consumo humano, pero tamén suporía un aumento significativo de emisións contaminantes e a xeración de residuos industriais perigosos que porían en risco tanto o medio ambiente como a economía ligada ao mar e á terra”.

Neste sentido, Olaia Ledo incidiu en que “Galiza non pode ser tratada como unha colonia industrial” e chamou á mobilización social para frear estes proxectos que hipotecan o futuro ambiental e económico do país.

Pola súa banda, o alcalde Luís Pérez Barral puxo en valor o compromiso do BNG coa defensa da ría de Arousa e “coa promoción dun modelo de desenvolvemento sostíbel que respecte os recursos naturais e garanta o benestar das vindeiras xeracións”.

O BNG salientou ademais “a importancia de manter informada á cidadanía” e de continuar mobilizándose en defensa do territorio, do mar e dos sectores produtivos que dan vida e futuro á comarca, facendo un chamamento a participar nas accións colectivas que se están a organizar por toda Galiza contra os proxectos de Altri e Touro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...