
O BNG lembrou este xoves 22 de maio que a Mancomunidade Serra do Barbanza foi “un referente a nivel galego e estatal na xestión de residuos na súa planta de reciclaxe de Servia, no concello de Lousame”, e recriminou ao PP e ao PSdeG “non ter feito ningún esforzo por soster un modelo de éxito que agora pende dun fío pola inacción política durante anos”. Engadiu que “desde que o PP chegou ao Goberno galego, nunca fixo o máis mínimo esforzo por dotar de financiamento e axuda a unha planta de referencia, coa única intención de reforzar o modelo de SOGAMA fronte ás súas alternativas, deixando así caer experiencias como a de Lousame, que podería modernizarse e seguir o seu camiño”, afirmou a formación. O BNG, con todo, recoñece a necesidade de modernizar a planta: “O modelo de Lousame demostrou ser eficaz, mais tamén é certo que a infraestrutura está ficando obsoleta, algo que obriga a unha renovación que os concellos non poden asumir por eles mesmos, a Xunta ten a obriga moral de ser xusta con todos os municipios, tamén cos que non están en Sogama, e por iso exiximos investimentos para renovar a planta e poder adaptala”, engadiu o BNG.
“É inadmisíbel que a conselleira de Medio Ambiente diga que os concellos debemos mudar a nosa xestión da reciclaxe e deixe todo en mans dos orzamentos municipais, o Goberno galego leva décadas subvencionando o modelo incinerador de SOGAMA, polo que cremos que xa é hora dun pouco de xustiza, tamén para as máis dos 130 traballadores e traballadoras que dependen do futuro da planta de Servia, sería un golpe máis para a comarca, afectada xa pola crise do sector marisqueiro”, incidiron desde a organización, engadindo que “sentímonos desamparados polo Executivo galego”
Desde o BNG tamén recordaron que “levamos máis dun lustro avisando da necesidade de acometer cambios na planta de Lousame”. Xa en 2018, destacaron, “solicitamos que se comezasen a redactar uns novos pregos de licitación para que non se chegase a caducar a concesión”. Segundo sinalaron, “aquel era o momento para facer un plan de futuro, pensado e con tempo, a través do que levar a cabo unha modernización da planta, mais ninguén nos fixo caso e o tempo acabou levando todo por diante”.
“A nosa prioridade é un modelo de reciclaxe descentralizado,de proximidade, e polo tanto, máis sostible. Que se centre na compostaxe en vez de na incineración. Un modelo que manteña os postos de traballo na nosa contorna. Cada vez estamos máis certos de que o PP, apoiados pola inacción do PSOE nos diferentes momentos nos que ostentaron a presidencia da planta, están deixando que morra a mancomunidade e con ela os seus empregos, sen dar alternativa algunha, advertiron.
Con todo, o BNG mantén as esperanzas de atopar solucións, e destacou que, cando menos pola súa parte, seguirán traballando pola planta e polo persoal. “Se hai vontade, hai futuro para a planta de Lousame”, manifestou a formación nacionalista. “É preciso estudar que servizos viables para continuar a actividade na planta e planificar o futuro, é necesario investimento por parte de outras administración para a modernización, e é imprescindible comezar o camiño cara a unha nova licitación”, sinalou a organización nacionalista. “É difícil, require compromiso e dedicación, pero é posible”, concluíu.