A deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez Fernández, rexistrou unha iniciativa parlamentaria na que reclama explicacións ao Goberno galego polo retraso na construción da residencia pública de maiores en Ribeira, anunciada hai máis de tres anos e que continúa sen execución malia os compromisos públicos reiterados.
Segundo recorda a deputada, en marzo de 2021 o Concello de Ribeira aprobou por unanimidade, nunha inciativa do BNG, solicitar á Xunta a construción dunha residencia pública para persoas maiores, ofrecendo para tal fin o edificio da antiga discoteca “Hesta Kurva”. A Consellaría de Política Social acolleu a proposta, anunciando que Ribeira acollería “a primeira residencia piloto do novo modelo de coidados post-COVID”, cun centenar de prazas públicas.
Porén, tres anos despois, e tras promesas reiteradas —incluíndo o compromiso, en febreiro de 2024 durante a campaña electoral, de iniciar as obras en xuño dese ano—, os traballos seguen sen comezar. “A día de hoxe, só se presentou a solicitude de licenza urbanística, en maio de 2024” explicou Pérez.
O BNG denuncia tamén a falta de transparencia na execución das partidas orzamentarias destinadas á residencia. Nos orzamentos dos últimos catro anos, a Xunta consignou máis de 17,9 millóns de euros para a construción dunha residencia na provincia da Coruña baixo o novo modelo asistencial. Malia superar con creces os 10 millóns previstos inicialmente, ningún destes fondos se traduciu no inicio efectivo das obras en Ribeira.
“A realidade é que, a pesar das promesas, Ribeira segue sen unha residencia pública e a comarca do Barbanza continúa con só unha infraestrutura deste tipo, a da Pobra do Caramiñal, con apenas 48 prazas públicas”, denuncia as deputada nacionalista, xa que o resto teñen a xestión privatizada.
Desde o BNG esixen á Xunta que aclare os motivos do atraso, que detalle o calendario previsto para o inicio e remate das obras, que especifique o grao de execución orzamentaria dende 2022 e que confirme se se respectará o acordo da Corporación Municipal de Ribeira, que apostaba por unha xestión pública da nova residencia.






