María Rivas e Anxo Arca inauguran a festa padronesa da informática e o espírito “gamer”

10 Maio 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Dixitalización e Novas Tecnoloxías, Laura Horta, inauguraron este sábado 10 de maio a feira informática Padrón Game Party, un evento dirixido aos mozos e mozas galegas e centrado no lecer dixital cunha perspectiva social, igualitaria e inclusiva.

A subdelegada aproveitou para felicitar ao Concello e ao resto da organización por levar a cabo esta cita cultural e de ocio na comarca e por impulsar, mediante este tipo de iniciativas, unha palanca económica e dixital “con actividades para todos os gustos e promovendo a inclusión e a igualdade no sector gaming”.

O evento está subvencionado polo Instituto da Xuventude (INJUVE) e pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), no marco das convocatorias de axudas a entidades locais 2024-2025.

Finde de informática e espírito creativo

O Concello de Padrón celebra o sábado 10 e o domingo 11 de maio a Padrón Game Party, un evento participativo e creativo de lecer tecnolóxico xuvenil cunha marcada perspectiva social, igualitaria e inclusiva. A cita desenvolverase no Pavillón do Souto, con acceso libre e gratuíto.

Ao longo da fin de semana as persoas asistentes poderán participar en torneos de League of Legends, Tekken 8, Street Fighter 6, Smash Bros, Mario Kart 8 ou Fortnite, así como en zonas de xogo libre con consolas de última xeración, simuladores de condución e xogos de realidade virtual como Beat Saber VR.

Tamén estarán dispoñíbeis áreas de xogos de mesa e espazos para a creatividade, con obradoiros de cómic e de deseño de cartas Pokémon 3D, ademais de actividades orientadas ao TDAH, a igualdade e o voluntariado xuvenil.

A programación do sábado inclúe, ás 12:15 horas, unha conferencia-demostración a cargo da profesional da caracterización Antifta, especializada na elaboración de perrucas e postizos para cine, teatro e cosplay, cunha traxectoria que se remonta a 2016.

Xa pola tarde, na zona de obradoiros, ás 15:30 horas, a artista Belén Diz (recoñecida pola súa ilustración hiperrealista realizada con bolígrafos Bic) ofrecerá unha sesión práctica sobre técnicas de trazo, fluidez e presión aplicadas a este tipo de obra.

Pola súa banda, ás 17:30 horas, a Asociación TDAH Salnés abordará nun relatorio titulado Xogando con atención: TDAH, videoxogos e igualdade sobre o papel do lecer dixital na inclusión de persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade.

A música tamén será protagonista na primeira xornada coa actuación de Freak GZM ás 16:30 horas. O grupo interpretará versións en directo de bandas sonoras de películas, series, animes e videoxogos, creando unha experiencia sonora inmersiva.

Outro dos momentos destacados do día será o Concurso de Cosplay, onde un xurado profesional avaliará a posta en escena, a caracterización e a confección das persoas participantes. O xurado estará composto, entre outras profesionais, por Ayumi, patronista titulada, cosplayer e fundadora da marca Nebula Needle, e pola propia Ntifta.

O domingo continúa a aposta pola creatividade e a música

O domingo 11, a programación continuará cunha aposta pola creatividade gráfica e a ilustración. Ás 12:30 horas comezará a conferencia de confección con Sayumi, patronista titulada, creadora da marca Nebula Needle e recoñecida cosplayer galega, quen compartirá o seu proceso creativo na confección e personalización de vestiario para Cosplay.

Ás 15:30 horas será a quenda das ilustradoras Marta e Meri, autoras do webcomic El Bertedero, cun obradoiro práctico de creación de tiras cómicas en catro paneis, dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos. Tamén pola tarde, ás 18:00 horas, Gaming Troop, entidade organizadora do evento, dirixirá o taller Crea a túa carta Pokémon 3D.

A música volverá ser protagonista o domingo pola tarde co concerto de Yell0, compositor, produtor coñecido polos seus remixes de temas de videoxogos e a súa música orixinal con influencias do jazz, o funk e a electrónica. A actuación está prevista para as 16:30 horas no escenario principal.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.