
Este xoves 29 de maio a Casa da Cultura de Outes vai dar acollida á 18:30 horas á sesión divulgativa de clausura da XIX edición das Xornadas de Información Sociosanitaria de Outes. A conferencia, de acceso libre para veciños e visitantes, versará sobre Envellecemento saudábel e será impartida polo doutor de atención primaria Xosé María Dios Diz. Con esta sesión, que mostrará recursos dos que botar man para ter calidade de vida, apoderamento e autonomía persoal na terceira idade, concluirá o valioso traballo profesional levado a cabo polo doutor Xose María Dios no concello de Outes, logo de case corenta anos de atención médica primaria no Centro de Saúde e labor divulgativo-informativo.
A axenda desta nova edición das xornadas cubriu os meses comprendidos entre outubro de 2024 e maio de 2025 e incluíu un completo programa de conferencias e coloquios sobre as máis diversas cuestións, cada xoves de cada mes ás 18.30 horas na Casa da Cultura de Outes.
O programa estivo novamente coordinado e organizado polo doutor Xosé María Dios Diz, médico especialista de Atención Primaria de Outes e voceiro de SOS Sanidade Pública, coa colaboración do Concello (Centro Social), da Universidade de Santiago (USC), da asociación inclusiva ADISBISMUR e da Asociación Cultural Terra de Outes, e tamén da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago.




