
A empresa da nosa comarca CONGALSA vén de ser recoñecida como unha das empresas máis comprometidas de Galicia en materia de sustentabilidade social e relacional. Así o certifica o Atlas Galego da Empresa Comprometida 2024. Nel, a compañía da Pobra do Caramiñal, especializada en solucións de alimentación conxelada, obtivo un total de 15 estrelas no estudo, situándose entre as organizacións con mellor puntuación en áreas clave como persoas, contorna e bo goberno.
O estudo, que analizou case un centenar de compañías cun volume de negocio conxunto superior aos 53.000 millóns de euros e máis de 243.000 traballadores, mide o compromiso empresarial en catro grandes áreas: bo goberno, medio ambiente, contorna e persoas. En total, só un grupo reducido de empresas logrou superar as tres estrelas en cada unha das categorías avaliadas. CONGALSA forma parte deste grupo selecto, xunto a entidades como Hijos de Rivera, Abanca, Viaqua ou Plexus Tech.
Para chegar a esta conclusión analizáronse aspectos como a creación de emprego, as condicións laborais, a formación continua, a inclusión de persoas con discapacidade, a igualdade de xénero e a participación do persoal na toma de decisións. Segundo se desprende dos resultados xerados da investigación, a empresa alimentaria da Pobra destacou especialmente polo seu crecemento sostido do emprego, cun incremento superior ao 20% no seu persoal durante 2024, unha cifra moi por enriba da media do estudo. No informe faise saber que este crecemento sitúa a CONGALSA entre un reducido grupo de empresas con máis de 100 empregados que demostraron unha aposta decidida por fortalecer os seus equipos humanos mesmo nun contexto marcado pola incerteza, o que reforza o seu posicionamento cunha política activa na xestión do talento e o benestar laboral.
Así mesmo, no ámbito da contorna, que mide a relación con provedores e a aposta pola Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación (I+D+i), CONGALSA consolidou a súa posición como unha empresa que prioriza as relacións sostíbeis na súa cadea de valor e promove activamente a innovación.
“Este recoñecemento”, sinalaron os responsábeis de CONGALSA, “reforza o noso posicionamento como unha compañía comprometida coa sustentabilidade e o desenvolvemento responsable, sintuándonos entre as empresas galegas que lideran o cambio cara a modelos máis éticos, inclusivos e respectuosos coa contorna”.




