Ata 69 empresas e servizos turísticos de Barbanza Arousa superaron a avaliación do sistema de calidade SICTED

21 Maio 2025

Un total de 69 empresas e servizos turísticos de 18 oficios diferentes superaron finalmente a avaliación do ano 2025 do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED), sumando 23 aos 46 servizos e empresas que renovaban o distintivo. Segundo informou a Mancomunidade Barbanza Arousa (formada por A Pobra, Rianxo, Boiro e Ribeira) a día de hoxe están representados 18 oficios como son seguridade cidadá, cámpings, comercio, experiencias e talleres turísticos, aloxamentos rurais, bares e cafeterías, adegas, espazos escénicos permanentes, hoteis e apartamentos turísticos, museos e centros de interese turístico visitábel, oficinas de información turística, praias, portos deportivos, restaurantes, taxis, transporte turístico, turismo activo e vivendas de uso turístico.

Co obxecto de implantar este distintivo, levouse a cabo a Mesa de Calidade, con representación dos 4 concellos, asociacións empresariais, representación da área de calidade da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, así como persoal da Mancomunidade.

Na reunión da Mesa de Calidade, que se celebrou no Salón de Plenos do Concello de Rianxo, examináronse os resultados da implantación deste sistema que certifica a excelencia, con 69 empresas que superaron satisfactoriamente as avaliacións. Ademais destas avaliacións, “as entidades cumpriron outros requisitos relacionados coa óptima xestión empresarial e dos servizos así coma a recepción de asistencias técnicas individuais, a participación en sesións formativas e asistencias técnicas colectivas”, informaron as entidades responsábeis da Mancomunidade.

Grupo de Mellora no Museo do Mar

No marco deste proxecto realizouse o pasado 26 de febreiro un Grupo de Mellora no Museo do Mar de Rianxo, servizo distinguido. As empresas foron recibidas polo presidente da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, Julián Bustelo e a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro.

Julián Bustelo destacou “a grande implicación das empresas e servizos do destino” e tamén “a colaboración público-privada para lograr situar o noso destino na excelencia nacional, como principal obxectivo da Mancomunidade”.

A continuación, Fátima Cachafeiro explicou os proxectos da Mancomunidade; sumando así a implicación e cooperación entre as administracións e as empresas privadas.

Nesta xornada realizouse tamén un famtrip interno no propio Museo do Mar, organizado polo técnico Kike López. Estas viaxes de familiarización para as propias empresas e servizos dentro do destino turístico responden ao obxectivo da Mancomunidade de que as propias empresas e servizos sexan prescriptores de Barbanza Arousa. Responde tamén ao fortalecemento de alianzas entre o propio sector.

SICTED

O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da FEMP, que traballa con servizos turísticos de ata 37 oficios diferentes, podendo participar todos os establecementos que se atopan no círculo do consumo do turista como transporte, aloxamento, restauración, comercio ou axencias de viaxes entre outras.

O obxectivo último é mellorar a experiencia e satisfacción do turista; mais para os servizos turísticos que decidan adherirse ofrece beneficios tales como mellorar a xestión interna, dispoñer dunha referencia para mellorar o seu traballo, incrementar a cualificación do persoal, compartir experiencias con empresarios do mesmo sector, participar no maior proxecto de calidade turística desenvolto en España con máis de 9.000 servizos turísticos participantes ou optar a un distintivo que acredita o nivel de calidade turística, recoñecendo o esforzo realizado a nivel nacional e internacional.

Outros artigos

Ribeira con Orgullo terá como pregoeiro ao veciño Rafa Moraña

O Concello de Ribeira presentou este martes os actos programados para celebrar o Día do Orgullo, este sábado 28 de xuño. Na cita cos medios informativos participaron a concelleira de Igualdade e Diversidade, Cruz Rivadulla; a asesora legal do CIM (Centro de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.