O Concello de Padrón, en colaboración con ATEGAL, organiza un novo ciclo de actividades deportivas dirixidas á poboación sénior durante os meses de xuño e xullo dentro do programa das Aulas Sénior de Padrón.
A proposta inclúe dúas modalidades pensadas para fomentar o benestar e a vida activa. Así, a ximnasia de mantemento oferta dúas opcións horarias: un primeiro grupo os luns e mércores de 9:15 a 10:15 h, e un segundo os martes e xoves de 9:15 a 10:15 h. Cada grupo contará cun máximo de 30 prazas.
Por outra banda, as camiñadas saudables serán os martes e venres de 9:00 a 10:30 h, tamén con 30 prazas dispoñíbeis.
As persoas interesadas poderán inscribirse a partir de mañá xoves 15 de maio no Centro Social – Aulas Sénior de Padrón (Campo do Souto nº 2) ou chamando ao teléfono 981 811 329. O prezo da actividade é de 5 euros por persoa.
Esta iniciativa ten como obxectivo promover hábitos de vida saudábel, a socialización e o envellecemento activo, ofrecendo espazos de encontro e coidado físico nun ambiente próximo e adaptado ás necesidades da veciñanza maior.




