
A tempada de verán na piscina municipal de Senra comezará o sábado 21 de xuño cunha novidade destacada: este ano poderase dispoñer dun carné para acceder ás instalacións, unha medida coa que se busca mellorar a organización do servizo e axilizar a entrada dos usuarios e usuarias.
As persoas empadroadas no Concello de Rois poderán beneficiarse de tarifas moi reducidas ou mesmo acceso gratuíto no caso dos menores de 10 anos. O prezo xeral da tempada para maiores desa idade será de 5 euros, mentres que as familias completas poderán adquirir o carné por 12 euros. Ademais, haberá un desconto do 15 % para familias numerosas, monoparentais ou con algún membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
As persoas non empadroadas ou que non dispoñan do carné poderán acceder igualmente á piscina, pagando a entrada diaria correspondente: o acceso será gratuíto ata os 3 anos, terá un custo de 1 euro ao día para nenas e nenos de entre 4 e 10 anos, e de 2 euros para as persoas maiores de 10 anos.
O carné pode solicitarse enviando un correo a inscricions@rois.gal, indicando o nome, apelidos e enderezo das persoas interesadas, xunto co xustificante do pagamento. Os carnés estarán dispoñíbeis para recoller no edificio multiúsos de Rois a partir do mércores 11 de xuño.
Para máis información, pódese contactar co Concello no 981 816 061 ou acudir ao propio edificio multiúsos.
