A Padrón Game Party celébrase esta “finde” poñendo o foco no lecer tecnolóxico responsábel

07 Maio 2025

O Concello de Padrón celebra o sábado 10 e o domingo 11 de maio a Padrón Game Party, un evento participativo e creativo de lecer tecnolóxico xuvenil cunha marcada perspectiva social, igualitaria e inclusiva. A cita desenvolverase no Pavillón do Souto, con acceso libre e gratuíto.

Ao longo da fin de semana as persoas asistentes poderán participar en torneos de League of Legends, Tekken 8, Street Fighter 6, Smash Bros, Mario Kart 8 ou Fortnite, así como en zonas de xogo libre con consolas de última xeración, simuladores de condución e xogos de realidade virtual como Beat Saber VR. Tamén estarán dispoñíbeis áreas de xogos de mesa e espazos para a creatividade, con obradoiros de cómic e de deseño de cartas Pokémon 3D, ademais de actividades orientadas ao TDAH, a igualdade e o voluntariado xuvenil.

O acto inaugural será o sábado ás 13:15 horas e contará coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca; da concelleira de Dixitalización e Novas Tecnoloxías, Laura Horta; e da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López.

A programación do sábado incluirá, ás 12:15 horas, unha conferencia-demostración a cargo da profesional da caracterización Antifta, especializada na elaboración de perrucas e postizos para cine, teatro e cosplay, cunha traxectoria que se remonta a 2016.

Xa pola tarde, na zona de obradoiros, ás 15:30 horas, a artista Belén Diz (recoñecida pola súa ilustración hiperrealista realizada con bolígrafos Bic) ofrecerá unha sesión práctica sobre técnicas de trazo, fluidez e presión aplicadas a este tipo de obra.

Pola súa banda, ás 17:30 horas, a Asociación TDAH Salnés abordará nun relatorio titulado Xogando con atención: TDAH, videoxogos e igualdade sobre o papel do lecer dixital na inclusión de persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade.

A música tamén será protagonista na primeira xornada coa actuación de Freak GZM ás 16:30 horas. O grupo interpretará versións en directo de bandas sonoras de películas, series, animes e videoxogos, creando unha experiencia sonora inmersiva.

Outro dos momentos destacados do día será o Concurso de Cosplay, onde un xurado profesional avaliará a posta en escena, a caracterización e a confección das persoas participantes. O xurado estará composto, entre outras profesionais, por Ayumi, patronista titulada, cosplayer e fundadora da marca Nebula Needle, e pola propia Ntifta.

O domingo continúa a aposta pola creatividade e a música

O domingo 11, a programación continuará cunha aposta pola creatividade gráfica e a ilustración. Ás 12:30 horas comezará a conferencia de confección con Sayumi, patronista titulada, creadora da marca Nebula Needle e recoñecida cosplayer galega, quen compartirá o seu proceso creativo na confección e personalización de vestiario para Cosplay.

Ás 15:30 horas será a quenda das ilustradoras Marta e Meri, autoras do webcomic El Bertedero, cun obradoiro práctico de creación de tiras cómicas en catro paneis, dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos. Tamén pola tarde, ás 18:00 horas, Gaming Troop, entidade organizadora do evento, dirixirá o taller Crea a túa carta Pokémon 3D.

A música volverá ser protagonista o domingo pola tarde co concerto de Yell0, compositor, produtor coñecido polos seus remixes de temas de videoxogos e a súa música orixinal con influencias do jazz, o funk e a electrónica. A actuación está prevista para as 16:30 horas no escenario principal.

Referente para a mocidade

Desde o Concello de Padrón búscase consolidar a Padrón Game Party como “un referente en Galicia para a mocidade, combinando entretemento, tecnoloxía e compromiso social nun evento pensado para divertirse, aprender e participar”.

A concelleira Laura Horta salienta que “o evento deste fin de semana é un proxecto lanzado de xeito moi directo á xuventude do noso concello e da contorna, que pretende ademais sensibilizar sobre a figura feminina no xogo, a boa visibilidade do mesmo en persoas con trastornos neurodiverxentes e que, con seguridade, é un elemento de xogo como calquera outro”. Tamén pon en valor o papel fundamental do voluntariado: “Non podemos esquecer que tanto este evento como moitos outros que se celebran no concello non serían viábeis sen a axuda de moitos voluntarios”. Por este motivo, celebraranse durante a xornada os World Café, espazos de diálogo nos que o voluntariado xuvenil de Padrón intercambiará experiencias e ideas con outros colectivos da contorna.

A actividade está subvencionada polo Instituto de la Juventud (INJUVE) e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) no marco da convocatoria de axudas a entidades locais 2024-2025.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.