A CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) informou da posta en marcha da actividade de monitoraxe de cetáceos na plataforma de Galicia durante os meses de maio e setembro. Estas campañas participativas serán realizadas dende Fisterra, ría de Muros, ría de Vigo e ría de Arousa.
Dende o ano 2003 ata o ano 2011 a CEMMA levou a cabo 125 campañas marítimas que son días de mar, cunha media anual de 14 embarques, nos que realizou 398 avistamentos de cetáceos, cunha relación media dun albiscamento cada 2,4 h de navegación ou 28,6 km percorridos por cada avistamento realizado.
As campañas foron reeditadas a partir do ano 2018, levando a cabo entre este ano e 2024 unhas 153 campañas marítimas, cunha media anual de 21 embarques, nos que realizou 622 avistamentos de cetáceos, cunha relación media de 1 avistamentos cada 1,5 h de navegación.
Agora a CEMMA pon en marcha as campañas de 2025 con novidades. Os embarques deste ano serán programados nos barcos: Chasula, con base en Cambados, Munís, con base en Fisterra, Camasi con base en Muros e no Evangelina con base en Vigo, mediante a programación de dous embarques mensuais. É a maior cobertura mariña dos últimos anos, segundo confirmou a CEMMA.





