Unha investigadora da UDC participa nun estudo internacional que demostra a conexión global das ostras

15 Abril 2025

As persoas que comeron algunha ostra en calquera lugar do planeta, o máis probábel é que inxerisen unha ostra do Pacífico (Magallana gigas), e que probablemente proviña dunha rexión relativamente pequena no nordés de Xapón chamada Prefectura de Miyagi. Así o conclúe un novo estudo internacional no que participa a investigadora da Universidade da Coruña Lucía Couceiro López, e que vén de ser publicado na prestixiosa revista de investigación Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America (PNAS). A investigación revela o legado xenético desta expansión global e lanza luz sobre as consecuencias ecolóxicas máis amplas da acuicultura.

O estudo foi realizado por un grupo de investigadores procedentes dun total de 26 institucións -universidades e centros de investigación- de 10 países distintos: Estados Unidos de América (EUA), Alemaña, Arxentina, Chile, Francia, Corea do Sur, Nova Zelandia, Suecia, Xapón e España. Un equipo que estivo liderado polo investigador do College of Charleston, en Carolina do Sur (EUA), Erik Sotka.

Utilizando ferramentas xenéticas e inferencia estatística bayesiana, é dicir, aquela na que as evidencias ou observación se empregan para actualizar ou inferir a probabilidade de que unha hipótese poida ser certa, os autores deste traballo desenvolveron “un novo marco analítico para rastrexar os movementos da especie transplantada e os numerosos polisóns (outros animais, plantas e microorganismos) que viaxaron con ela”, explica a UDC, engadindo que os seus achados resaltan patróns clave na adaptación das especies a novas contornas e o impacto a longo prazo da acuicultura na biodiversidade.

O estudo revela que a gran maioría das poboacións introducidas de ostra do Pacífico orixináronse na prefectura de Miyagi, sendo o mar interior de Seto, máis ao sur, unha fonte secundaria. Estas ostras non se introduciron aleatoriamente, senón que se emparellaron deliberadamente a rexións con condicións ambientais similares ás dos seus hábitats nativos; un proceso que os autores denominan “adaptación ambiental deliberada”. Isto, engaden, reflicte a forma en que cultivos agrícolas como a soia se introduciron historicamente en diferentes climas segundo a súa idoneidade xenética.

Ademais, as poboacións de ostra introducidas mostraron distintos niveis de diversidade xenética. Algunhas poboacións non nativas conservaron unha alta diversidade xenética debido á súa historia acuícola e á diversidade xenética da súa rexión de orixe. Outras, en particular no norte de Europa e Sudamérica, presentaron pescozos de botella xenéticos—reducións na diversidade que poderían limitar a súa capacidade de adaptación a futuros factores de estrés, como as enfermidades e o cambio climático.

Estes achados teñen importantes implicacións para os programas que buscan mellorar a resistencia ás enfermidades e outras características desexables nas ostra de cultivo.

Unha das contribucións máis significativas do estudo é a súa capacidade para distinguir entre vías de invasión competidoras, algo que anteriormente só se infería a partir de rexistros históricos. Ao comparar datos xenéticos de 14 especies cointroducidas, os autores determinaron que os transplantes de ostra foron o vector principal para seis especies, o transporte marítimo foi máis probábel para cinco e tres casos permaneceron ambiguos.

O estudo tamén destaca como as regulacións e as prácticas da industria moldearon os patróns de invasión ao longo do tempo. Así, sinalan, “aínda que as introducións mediadas por ostra diminuíron nas últimas décadas debido ao aumento da produción en criadeiros e a medidas de bioseguridade máis estritas, o transporte marítimo segue sendo un vector importante e continuo para a introdución de especies mariñas, o que resalta a necesidade dunha vixilancia e unha xestión continuos das actividades de transporte marítimo global”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.