UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investiu 300.000 euros para a mellora do subministro eléctrico na parroquia de Tállara, no municipio de Lousame (A Coruña). A compañía construíu unha nova liña de media tensión subterránea de 360 metros con orixe nun apoio, cun novo interruptor telecontrolado, e final nun novo centro de transformación con dúas liñas de saída de baixa tensión nos lugares de Carantoña e Abeixón. Así mesmo, a distribuidora adecuou a rede de baixa tensión existente na zona.
A compañía anunciou que inclúe cada ano no seu plan de investimentos actuacións e iniciativas para “potenciar as infraestruturas de subministro de enerxía eléctrica e mellorar a rede de distribución eléctrica, especialmente en zonas rurais, contribuíndo así ao desenvolvemento económico destes territorios e á mellora das súas condicións de vida”.
Para o delegado de UFD na provincia da Coruña, Emilio Castro, “o investimento realizado é unha proba máis do compromiso desta compañía co desenvolvemento enerxético de Lousame, xa que as actuacións realizadas aumentarán a capacidade da rede de distribución na zona, ademais de mellorar a fiabilidade da subministración eléctrica e minimizar os tempos de resposta ante calquera incidencia na parroquia de Tállara.”
UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña preto de 24.500 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 10.300 centros de transformación e dá servizo a 731.000 puntos de subministración. En Galicia, dá servizo a case 1,6 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas, a través dunha rede de máis de 61.000 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión.
A distribuidora eléctrica investiu 206 millóns en 2024 na dixitalización e mellora da súa rede e infraestruturas en Galicia. Só nos últimos cinco anos, o investimento de UFD alcanzou os 800 millóns de euros para reforzar as súas infraestruturas en Galicia, co foco posto na mellora da calidade de servizo aos seus clientes.
Estes investimentos centráronse en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telegestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no robustecimiento das infraestruturas, co obxectivo de integrar o incremento da xeración renovable.
