Na tarde deste mércores 23 de abril, Día do Libro, celebrouse no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira a presentación literaria de Jarroa da escritora da Illa de Arousa, Andrea Fernández Plata. A cita enmarcouse no programa de actos que está organizando durante todo o mes a Concellería de

Cultura pola conmemoración do Día das Artes Galegas, que neste ano homenaxea a Isaac Díaz Pardo. Na presentación, celebrada en formato entrevista e en clave informal, a escritora estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Antía Alberte.
A concelleira repasou a traxectoria de Andrea, unha nova escritora que é tamén ilustradora que estudou comunicación audiovisual en Madrid, gravación en Betanzos, estivo en Berlín cunha bolsa de fotografía para despois voltar ás súas raíces na illa onde decidiu restaurar a casa onde viviu, a casa dos seus avós, para convertela en La Platanera, un proxecto creativo onde se poden facer retiros artísticos, residencias artísticas, en definitiva unha casa aberta para os amantes da creatividade.
“Crieime en galego pero pasaba unha cousa…, que para que non se rían de ti fóra, porque iso era o que pasaba, falábanche directamente en castelán. Crecín escoitando en galego e falando castelán”, aludiu Fernández. O libro está editado en castelán pero afonda no galego que lle achega á prosa unha capa de realismo ancestral.
A autora falou dos nexos da ilustración e a escritura: “Debuxar é unha forma de escribir, é unha forma de resolver, dunha folla en branco a unha historia, a un conto, crieime de conto en conto”.
O libro mergúllase en tempos dunha illa sen ponte onde e a maxia mestúrase coa realidade nunha secuencia de ventos con nome propio, cos males do aire, coa chamada ao trasno cun asubío. “Ese illamento foi quen de conservar un patrimonio natural e cultural”, sinalou Antía.
“Jarroa é o que chaman os mariñeiros a unha brisa fresca que chega no verán xusto cando está rematando, porque este libro ten moito da morte como comezo doutra cousa”, explicou a autora.
Para rematar o acto a nova escritora leu unha pasaxe do libro que se podía mercar no acto coa presenza da Libraría Ler de A Pobra do Caramiñal. A sala estivo chea e cun ambiente moi distendido polo formato da propia presentación.





