O Bruón Folk Fest 2025 arranca o 9 de maio coa forza da palabra e celebrando as Letras Galegas

25 Abril 2025

Este venres 25 de abril presentouse en Ribeira a segunda edición do Bruón Folk Fest 2025, unha cita cos medios que contou coa presenza do segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, Ventura Otero, secretario da Asociación os Liantes máis Jorge Maño, tamén compoñente da asociación.

O Bruón Folk Fest 2025, o festival de Artes (Ribeira) que celebra a música, a palabra e a cultura galega, inaugura a súa esperada segunda edición cun encontro centrado na literatura popular oral e a súa fonda conexión coa música tradicional. A cita será o venres 9 de maio pola tarde, no corazón do festival localizado no Centro Recreativo de Artes.

Organizado pola Asociación Cultural Os Liantes, o festival quere comezar esta edición poñendo en valor a riqueza da nosa tradición oral, nun ano en que o Día das Letras Galegas homenaxea, precisamente, ás cantareiras e á literatura popular.

A mesa redonda contará coa moderación de Nel Vidal Barral, figura recoñecida no ámbito da normalización lingüística en Galicia, e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Ocupou tamén a presidencia da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) sendo unha das súas caras máis visíbeis e activas nesta entidade.

Acompañarán a Nel Vidal dúas figuras de recoñecido prestixio:

Carlos Callón: Profesor (USC e IES San Clemente) de Castiñeiras (Ribeira), investigador, escritor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística. Autor do recente e aclamado libro Maxicamente vella, eternamente nova. A literatura tradicional galega, Callón achegará unha visión experta sobre a historia e a vitalidade das nosas cantigas, coplas e outras formas de literatura popular.

Lupe Blanco: Referente indiscutíbel da regueifa actual. Considerada unha das mellores regueifeiras do país (gañadora de tres Premios Galegos da Regueifa), é a primeira profesional da improvisación oral cantada en galego e unha peza clave na revitalización e formación de novas xeracións nesta arte a través da Escola de Regueifa de Carballo e numerosos obradoiros.

A concelleira de Cultura, Antía Alberte, mostrouse moi contenta con esta nova edición na que “o Concello contribúe economicamente así como na posta de ideas”, tamén resaltou a diferenciación de ser o único festival folk da contorna.

Pola súa banda, Suárez-Puerta falou da deslocalización de eventos do centro de Ribeira e avogou pola política de ensanchar os eventos ás parroquias. Tamén fixo referencia a que é unha festa familiar para todos e todas independentemente da idade e das modas, “porque levamos o noso patrimonio cultural galego á parroquia durante dous días onde poñemos en valor o noso”.

Otero afirmou que con esta iniciativa, ”o Bruón Folk Fest reafirma a súa aposta por ser máis que un simple festival de música, converténdose nun espazo para a reflexión, a divulgación e a celebración da cultura galega en toda a súa amplitude, conectando co Día das Letras e poñendo en valor o noso patrimonio inmaterial”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

Era un día de choiva, como moitos outros deste ano e de anos anteriores, chovía sen parar tampouco paraba a chuvia no chan. Era un día como moitos, chovía a destempo aquí e alí, aun par de quilómetros, o sol quentaba as canelas e o carrelo da xente que pasaba. Era...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.