
O Concello de Muros, a través da Área de Servizos Sociais que dirixe Mario Martínez, está a desenvolver en Muros, Esteiro e (por vez primeira) en Torea actividades de estimulación da memoria e envellecemento saudábel para persoas maiores. Trátase, en palabras do Concello, dunha iniciativa para estimular a mente, tecer lazos entre persoas e crear espazos seguros onde compartir vivencias e escoitarase mutuamente. Este ano celébrase nos tres devanditos núcleos do concello.
Mario Martínez, concelleiro de Servizos Sociais, sinala a respecto desta iniciativa que “este obradoiro é un exemplo do modelo que defendemos: achegar recursos onde máis se precisan, fortalecer o tecido social e poñer en valor as parroquias como espazos vivos, con futuro”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, engadiu que “levar por primeira vez este obradoiro a Torea forma parte do noso compromiso por levar a axenda e os servizos sociais ao maior número de parroquias. O noso compromiso por dignificar a vida nos núcleos rurais. Estamos a construír unha axenda social máis ampla, descentralizada e centrada nas persoas, porque ese é o camiño para un concello máis xusto e máis cohesionado. Nun tempo no que a soidade pode afectar con forza ás persoas maiores, estes espazos convértense en lugares para compartir, rir, lembrar e sentir que se forma parte dun todo. A memoria tamén se constrúe entre todas”.
O Concello publicou no Facebook un breve audiovisual que ilustre as actividades que se están a desenvolver en Torea. As sesións, que inclúen diversos exercicios de memoria e xogos tipo sudoku, foron moi ben recibidas pola veciñanza.