A investigadora Inés Gómez Otero recolle o VI Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía

22 Abril 2025

O Hotel Monumento San Francisco de Santiago acolleu este martes 22 de abril a gala de entrega do Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía que recaeu, na súa sexta edición, no traballo liderado pola doutora Inés Gómez Otero, responsábel da Unidade de Insuficiencia Cardíaca Especializada do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e investigadora do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS).

O presidente de honra do Xurado foi o encargado de dar benvida aos asistentes deixando constancia do seu incondicional apoio á sanidade pública e á investigación científica como alicerces do estado de benestar. “Este premio vai destinado a un estudo que permitirá avanzar no coñecemento das enfermidades cardíacas, unha das principais causas de mortalidade. Ademais, trátase dun traballo que se desenvolve no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, un centro de referencia internacional, do mesmo xeito que o Hospital Clínico, o cal é un gran orgullo para todos os galegos”, asegurou Ramiro Carregal.

No acto participaron tamén o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que felicitaron o equipo premiado, ao que puxeron como exemplo do gran traballo que levan a cabo os profesionais da sanidade pública tanto no ámbito clínico como no investigador.

A alcaldesa, encargada de clausurar a gala, destacou a dificultade de “ser referente” sendo muller e nova: “A ciencia tamén ten os seus prexuízos, os seus teitos de cristal, os seus corredores cheos de voces que din ‘non vai poder’, ‘non vai chegar’, e Inés chegou”, asegurou Goretti Sanmartín, engadindo que “por iso este premio, o Premio Ramiro Carregal, é tan especial, porque recoñece non só a excelencia investigadora, senón a valentía de mirar o corazón sen medo, de mergullarse nas súas fraxilidades”, indicou a alcaldesa.

O doutor González Juanatey, xefe do Servizo de Cardiología e UCC do CHUS, incidiu na importancia da sanidade e da investigación no sistema público, “que tan ben representa o equipo que hoxe recibe este premio”. O presidente executivo do xurado destacou do grupo que lidera a doutora Gómez Otero “o esforzo que leva a cabo por xerar novo coñecemento para mellorar o traballo diario en diagnóstico e tratamento dos nosos pacientes”.

O doutor González Juanatey destacou o carácter innovador do proxecto premiado, que aborda un área clínica pouco estudada e permitirá obter información nova sobre as implicacións da insuficiencia mitral severa (IM) en pacientes con insuficiencia cardíaca con fracción de exección reducida (ICFEr) de novo. “O seu carácter innovador radica no enfoque integral que combina datos clínicos, analíticos e ecocardiográficos cun análise detallado dos desenlaces prognósticos e o impacto das estratexias terapéuticas utilizadas”, sinalou.

Tras recoller o galardón, a doutora Inés Gómez Otero explicou en que consiste o estudo, que levará a cabo en dous hospitais de referencia: La Fe de Valencia e o Hospital Clínico Universitario de Santiago. “Trátase de identificar precozmente os pacientes con insuficiencia mitral severa que non respondan o tratamento médico convencional para mellorar o seu prognóstico, seleccionando as estratexias terapéuticas máis avanzadas de forma personalizada, para previr desenlaces adversos e mellorar a calidade de vida destes pacientes, á vez que se distribúen de maneira máis eficiente os recursos”, sinalou a investigadora.

Impacto na calidade de vida do paciente

O proxecto ten un impacto potencial “significativo” na calidade de vida dos pacientes, “ao propor estratexias personalizadas que melloren a súa sintomatoloxía e reduzan as hospitalizacións recorrentes”. A aplicabilidade dos resultados é ampla xa que, ao identificar factores preditores de resposta ao tratamento médico, poderase facer unha selección máis precisa dos pacientes que poderían beneficiarse de intervencións avanzadas precoces, como as técnicas de reparación percutánea. “Isto podería evitar tanto desenlaces adversos como o uso innecesario de recursos en pacientes que responderán ao tratamento farmacolóxico, optimizando así os custos do sistema de saúde”, indicou a doutora Gómez Otero.

Ademais, os resultados do estudo poderán servir como base para futuras investigacións multicéntricas e ensaios clínicos prospectivos. Este enfoque integrador tamén fortalece a capacidade de innovación na atención sanitaria, promovendo un modelo de medicina máis preciso e eficiente.

Outros artigos

Martes 13, nuboso e con chuvascos ocasionais diminuíndo pola tarde

A xornada estará aínda marcada pola influencia das baixas presións que irán perdendo intensidade. Agárdanse ceos con intervalos nubosos e chuvascos ocasionais, máis probables pola mañá nas zonas da comarca e das rias baixas pero que tenderán a remitir progresivamente...

+

Comeza a conta atrás para XVI edición da Carreira Pedestre de Outes

No marco da celebración do Día das Letras Galegas e co obxectivo de xuntar (e conmemorar) deporte e cultura, a Concellería de Deportes do Concello de Outes organiza a XVI Carreira Pedestre de Outes, prevista para o sábado 17 de maio de 2025 a partir das 10.00 horas,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Galicia, en el buen Camino turístico”. Alberto Barciela

“Galicia, en el buen Camino turístico”. Alberto Barciela

En el turismo hay una característica administrativa que hace muy peculiar a Galicia: la dependencia directa del Presidente, y así ha sido con Manuel Fraga y los es con Alfonso Rueda. Desde que el León de Vilalba, un hombre que puso a la España autárquica de Franco en...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.