A edición 2025 do certame Enreguéifate xa ten palmarés (con premio para o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro)

16 Abril 2025

Xa hai gañadoras da edición 2025 de Enreguéifate, que reivindica a través de contidos audiovisuais a arte da improvisación oral galega. A oitava edición do certame impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo bateu récord de participación, cun cento de vídeos recibidos.

En concreto, o Enreguéifate 2025 pechou inscricións cun total de 96 vídeos recibidos de participantes procedentes de máis dunha vintena de concellos galegos. Foi, sinalaron os concellos organizadores, “unha cifra de récord que confirma a boa saúde da regueifa e da improvisación oral”.

Coma en edicións anteriores, o certame impulsado polos servizos de normalización dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo contou con dúas categorías: unha xeral e outra escolar. Nesta ocasión, eran oito os premios a repartir en cada unha delas: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada, á mellor falada, á máis inclusiva e á máis entroideira. 

O xurado estivo composto por Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Bea Vilaverde, técnica do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela; e Lucía Ferro, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. 

Estes son os vídeos gañadores, que poden verse na web do certame ou na canle de Youtube

Categoría xeral

Regueifa máis brava: Paco Felípez e Oscar García, “Veciños ben levados” (Carballo e Malpica).

Regueifa máis aguda: Arrieiro e Chaminho, “Video-regueifa atlántica” (Malpica e A Coruña).

Regueifa máis diversa: Escola da Regueifa de Carballo, “A nosa propia melodía” (Carballo).

Regueifa máis reivindicativa: Ministras, “Se nós fósemos ministras” (Pontevedra)

Regueifa mellor falada: ex aequo para Guerreiras regueifeiras, “Cidades galegas” (Santiago de Compostela), e Iria e Javi, “Vivan as nosas poetas” (Santiago de Compostela).

Regueifa mellor cantada: Asociación Cultural Coro Virxe da Renda, “Cantar e desfrutar” (Poio).

Regueifa máis inclusiva: Teiseiros Regueifeiros, “Non hai quen viva! Regueifa do alugueiro” (Centro de Inclusión Fundación da Santa Cruz en Vigo).

Regueifa máis entroideira: premio deserto.

Categoría escolar 

Regueifa máis brava: Os falabarato, “CEIP Plurilingüe de Nétoma-Razo” (Carballo) 

Regueifa máis aguda: 6º B Quiroga Palacios, “Regueifa do banquete” (CEIP. P. Cardeal Quiroga Palacios, Santiago de Compostela).

Regueifa máis diversa: Regueifeiras do Rosalía, “Regueifa pola diversidade” (IES Plurilingüe Rosalía de Castro, Santiago de Compostela).

Regueifa máis reivindicativa: Regueifeiras do Camballón, “Altri non! Mina non!” (IES Marco do Camballón, Vila de Cruces.

Regueifa mellor falada: A cuarta revolta, “Continuemos co legado” (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños).

Regueifa mellor cantada: Regueifeiras de Dodro, “Emoción ou razón?” (CPI Eusebio Lorenzo Baleirón Tarrío, Dodro).

Regueifa máis inclusiva: Radio Regueifa Inclusiva, “Somos diferentes, somos referentes” (IES do Milladoiro / CEE Manuel Navalón, Ames e Santiago de Compostela).

Regueifa máis entroideira: As Entroideiras, “O Entroido galego” (CEIP San Martiño, Pontevedra).

Gala Enreguéifate – Regueibertso

O 19 de maio, ás 11:30 horas, terá lugar a entrega de premios nunha gala no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. O evento será ademais unha celebración conxunta co Regueibertso, un programa apoiado pola Deputación da Coruña que procura a sensibilización lingüística e a difusión da regueifa e o bertsolarismo entre a xente nova. Xurdido en 2016 dentro do Proxecto Regueifesta, colectivo educativo da Asociación ORAL, o Regueibertso consiste nun intercambio entre alumnado improvisador de Galicia e do País Vasco. Este ano, a convivencia entre escolares regueifeiras e bertsolaris terá lugar en Santiago de Compostela durante a fin de semana das Letras Galegas e concluirá coa participación da rapazada na gala do Enreguéifate – Regueibertso. 

Outros artigos

En Rianxo abren as inscricións do Campamento de Teatro Verán 2026

O Concello de Rianxo informou de que están abertas as inscricións para o Campamento de Teatro Verán 2026, que inclúe unha manchea de actividades formativas e de lecer para permitir ás mozas e mozos "desfrutar dun verán diferente" ao tempo que desenvolven e sacan á luz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ofrenda” – Xulio Xiz

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...