A Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia presentará en Venecia un novo catálogo de peregrinacións marítimas en italiano

26 Abril 2025

A viaxe que o mariñeiro e comerciante Pietro Querini fixo no século XV entre Venecia e Noruega, cunha peregrinación perfectamente documentada entre Muros e Compostela incluída, continúa a dar os seus froitos case 600 anos despois. Non se trata tan so dunha das peregrinacións máis antigas documentadas por esta ruta xacobea, senón que conforma “unha das viaxes máis importantes para a historia da navegación italiana, que agarda converterse nun itinerario cultural europeo”, sinala a Asociación de Concellos da Ría de Muros Noia.

Na busca de novos peregrinos e para seguir avanzando a prol da consecución desa certificación da Comisión Europea, como membro da Asociación Vía Querinissima, o presidente da Asociación e alcalde de Noia, Santiago Freire, reunirase a próxima semana en Venecia con Roberto Ciambetti, presidente do Consiglio Regionale del Veneto, o órgano lexislativo da rexión e o representante máis directo da vontade popular conformado por 51 conselleiros.

Freire entregaralle a Ciambetti varios exemplares de dúas publicacións que recollen esa especial vinculación de Pietro Querini coa Ría da Estrela. “Entregaremos unha nova publicación centrada no itinerario seguido por Querini entre Muros e Santiago aquel 26 de outubro do ano 1431 e que está baseada no estudo de historicidade do Camiño da Ría de Muros Noia”, adianta Santiago Freire, quen apunta que “tamén aproveitaremos para achegar ás autoridades e á prensa veneciana un catálogo en italiano, Descobre o Camiño Marítimo de Santiago: seguindo os pasos de Pietro Querini, que recolle as propostas que ten á súa disposición calquera peregrino que desexe embarcarse e gozar dunha experiencia única como é peregrinar a Santiago a bordo dun veleiro”.

Trátase dunha publicación baseada no primeiro catálogo comercial de peregrinacións marítimas a través da ría, pero cun novo deseño e escrita en italiano, para achegarse así a un mercado turístico moi interesante como é o veneciano, sempre ligado estreitamente á navegación, en xeral, e á viaxe dun dos seus ilustres conveciños como Pietro Querini, en particular.

Novidades do novo catálogo

Neste novo catálogo no que ademais das tres propostas orixinais realizadas pola navieira Sailway, o Monte Real Club de Yates de Baiona e a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia (ASNAUGA), engádeselle nesta ocasión Julio Verne Náutica, unha academia recoñecida e especializada na formación náutica recreativa situada no propio Monte Real Club de Yates de Baiona. Todas as travesías están amparadas pola Oficina do Peregrino, polo que abonda con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos que marque a ruta escollida e facer a pé os últimos quilómetros ata Santiago para obter a Compostela.

A nova proposta de Julio Verne Náutica ten unha duración de cinco días e inclúe catro xornadas de navegación a vela ao longo das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, unidas a un último día de camiño a pe ata chegar a Compostela. Cinco etapas cuns prezos que oscilan entre os 300 e os 1.200 euros. Máis información en www.juliovernenautica.com.

Pola súa banda, a navieira Sailway ofrece unha experiencia de catro días, con saída do Monte Real Club de Yates de Baiona e chegada ao Real Club Náutico de Portosín. 94 millas náuticas percorrendo as idílicas paisaxes das Rías Baixas: Illas Cíes, Combarro, Sanxenxo, Pobra do Caramiñal, Muros, Noia e Portosín. Ao ser unha navieira de chárter náutico cunha gran e moderna flota, Sailway ofrece diferentes opcións ao peregrino: dende alugar un veleiro (con ou sen patrón) ata facerse cun camarote, cunha ampla variedade de prezos (entre 300 e 1.200 euros). Máis información en www.sailway.es.

A V Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia será o 30 de xuño ao 5 de xullo de 2025. Promovida polo Monte Real Club de Yates de Baiona, consiste nunha navegación en grupo de ata 30 embarcacións nun ambiente de compañeirismo e camaradería. Unha experiencia lúdica e gastronómica navegando durante seis etapas por algunhas das máis belas paisaxes de Galicia, con eventos e degustacións deseñadas especialmente para os tripulantes. Neste caso, o prezo por persoa é de 1.200 euros; habendo posibilidade doutras tarifas no caso de participar con embarcación propia.

Finalmente, a Travesía Náutica Xacobea con ASNAUGA ofrece dúas rutas en veleiro, propio ou alugado, percorrendo os clubs náuticos de Galicia distinguidos coa Q de calidade turística e que apostan pola atención ao navegante, ademais de contar cuns restaurantes que figuran entre os mellores de Galicia. O Roteiro Sur ten unha duración de entre 3 e 4 días polos clubs náuticos de Vigo, Baiona, Rodeira, Sanxenxo, Portonovo, Ribeira e Portosín. O Roteiro Norte ten unha duración de entre 4 e 6 días, dependendo do porto de saída escollido: Ares ou Ribadeo. Inclúe visitas aos clubs náuticos de Ares, Sada, A Coruña e Portosín. Os prezos oscilan entre os 95 e os 328 euros na ruta Norte e entre os 129 e os 307 na ruta sur. Máis información: info@asnauga.com.

Toda a información e as contratacións poden realizarse dende as páxinas web caminomaritimo.gal, caminomaritimo.es e caminomaritimo.com.

Unha relación proveitosa

Santiago Freire explica que “con a entrega desta documentación buscamos dar un paso máis para conseguir que a viaxe de Pietro Querini, coñecida como a Via Queirinisima, sexa recoñecida como itinerario cultural europeo pola Comisión Europea. Como membros da Asociación Via Querinisima, imos achegar un estudo amplo e perfectamente documentado do Camiño de Pietro Querini entre Muros e Santiago de Compostela, realizado un equipo de expertos liderados por Marcial Rodríguez, Mario César Vila e Sofía Vaquero”. Neste sentido, compre lembrar que as rexións do Veneto (Italia) e de Nordland (Noruega) son as impulsoras da Asociación Via Queirinissima, integrada tanto por organismos públicos como privados de Italia, Noruega, Suecia, España, Grecia…

Esta será a segunda vez na que a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia viaxe a Venecia. A primeira foi no ano 2023, cando participou no congreso Viaxes, intercambios, cultura e turismo: compartindo as mellores prácticas, estratexias e valores, precisamente nunha sesión debate sobre a figura de Pietro Querini. Un ano despois, en xullo de 2024, unha delegación da Ría da Estrela viaxou ata a localidade de Bodø, na rexión de Nordland (Noruega). Aló Ana Queiruga, da Escola de Danza Oitos de Noia, colleitou un gran éxito participando nunhas xornadas dedicadas á figura de Pietro Querini, que constituían o primeiro evento de Bodø como Capital Europea da Cultura 2024.

A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro xurdida hai máis dunha década a raíz dun primeiro acordo de amizade entre os municipios de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia) e despois dun convenio de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. O seu itinerario, denominado Vía Querinissima, inclúe dúas rutas: por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e por terra (cando retornou a Venecia co seu cargamento de bacallau). En ambos os dous casos, a asociación promove un turismo cultural e enogastronómico pausado e sostíbel, que une cidades e rexións de trece países distintos.

Pietro Querini

O mariño Pietro Querini partiu de Creta no 1431 con destino Bruxas, nunha viaxe que resultou moi accidentada. En primeiro lugar, ao cruzar o Mediterráneo romperon o timón, o que os obrigou a arranxalo en Cádiz. Tras perderse por mor do mal tempo, chegou ás Illas Canarias e finalmente arribou a Lisboa, onde tiveron que agardar co timón aínda danado a que o vento fora favorábel. Seis meses despois da súa partida de Creta puideron saír de Portugal o 14 de setembro para chegar o 26 de outubro a Muros, onde aproveitaron a parada obrigada para reparacións e para ir en peregrinación ao sepulcro do Apóstolo.

Unha peregrinación recollida nas súas propias notas: “Nous atteignimes Muros le 26 octobre, où nous nous ravitaillames. Accompagné de treize campagnons, jállaivisiterl´´eglisede Saint Jaques mais n´y demeurai que peu de temps” (Querini, 2010). No dossier da viaxe, gardado na Biblioteca Vaticana, relata polo miúdo a súa experiencia, complementada tamén polos relatos dos seus oficiais Nicoló de Michiele e Cristoforo Fioravante, conservados na Biblioteca Nacional de Venecia, polo que se coñece que fixeron o Camiño a cabalo, se cruzaron con outros italianos e mesmo como uns falsos monxes os intentaron enganar ofrecéndolles unhas cunchas de vieiras sen bendicir.

Tras a visita ao Apóstolo seguiron rumbo norte, atopándose cunha terríbel tormenta na costa occidental francesa que o levou a naufragar en Noruega. Así, só 16 dos 68 homes que saíron de Venecia chegaron á illa de Sandoya, no arquipélago de Lofoten (moito máis aló do círculo polar), onde foron rescatados polos pescadores da illa de Rost (Noruega). Permaneceron na illa ata a primavera, onde Querini quedou fascinado pola maneira na que a poboación conservaba o bacallau, o que estableceu o xerme da comercialización e consumo deste peixe en Italia. Despois, iniciou a volta a Venecia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

Era un día de choiva, como moitos outros deste ano e de anos anteriores, chovía sen parar tampouco paraba a chuvia no chan. Era un día como moitos, chovía a destempo aquí e alí, aun par de quilómetros, o sol quentaba as canelas e o carrelo da xente que pasaba. Era...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.