A ABE presenta o seu novo Catálogo de Premios cun balance récord de participación

02 Abril 2025

Este 2 de abril, a Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou na súa sede o renovado Catálogo de Premios, que, segundo indicou a dirección da patronal, “chega cunha gran variedade de agasallos e cun balance récord de participación”.

O sistema de fidelización da ABE conta con máis de 4.200 usuarios activos, 33.820 tíckets rexistrados en 2024 e mais de 9.000 no que vai de 2025, “o que reflicte o crecemento e o compromiso da clientela co comercio local”, informou a asociación, engadindo que ao longo de 2024 entregáronse 371 premios, mentres que no primeiro trimestre de 2025 foron trocados 142, “o que confirma a eficacia do sistema para incentivar o consumo e premiar a fidelidade”. Estes números, engadiu a patronal, “evidencian que o sistema está a ter un impacto real na dinamización económica do municipio e no fortalecemento das pequenas e medianas empresas”.

Para quen non o saiba, o sistema de fidelización da ABE está aberto a todas as persoas que realicen compras nos máis de 200 negocios asociados e permite acumular o 10% do importe das compras en puntos, que logo poden cambiarse por bonos ABE para utilizar non negocios ou por premios como maletas de viaxe, reloxos intelixentes, auriculares sen fíos e moito máis.

Promoción especial de lanzamento e evento de primavera

O lanzamento do novo catálogo está integrado na campaña de primavera e como promoción especial os rexistros realizados o venres e sábado acumularán o dobre de puntos.

A campaña de primavera terá o sábado 5 de abril un gran evento nas rúas de Boiro. A ABE sacará a rúa a súa Ruleta de Premios, os clientes que realicen durante o venres e sábado compras superiores aos 10€ terán a oportunidade de gañar premios e recibir unha bolsa de flocos de millo. Cada tícket de máis de 10€ permitirá unha tirada na ruleta que ten premios como cuncas, imáns, abre botellas ou ambientadores para o coche.

A ruleta e o posto de flocos estarán situados na rúa Santos Mieites de 18.00 a 21.00 hs.

Ademais, como fin de campaña, o luns 7 de abril, ABE realizará un sorteo especial entre todos os clientes que rexistraron os seus tíckets de compra entre o 24 de marzo e o 6 de abril. O premio consistirá nunha paga mensual de 100€ ata finais de ano.

Daniel García, presidente de ABE, subliñou que o programa está pensado para premiar a fidelidade dos clientes e dinamizar o comercio local: “Este programa é unha maneira de agradecer aos nosos clientes e de seguir apoiando as nosas empresas. O crecemento continuo da participación demostra que estamos no camiño adecuado. So hai que ver os datos xa que na primeira semana da campaña de primavera rexistráronse 791 tíckets, para o sorteo da paga mensual, un 25% mais que na anterior semana”.

Pola súa banda, Gabriel Alén, director xeral de Comercio, destacou a importancia desta campaña para o fortalecemento do comercio de proximidade: “O programa de ABE é unha gran oportunidade para que os consumidores se conecten cos negocios locais; non só premian a fidelidade, senón que tamén contribúe á dinamización da economía local, un aspecto fundamental para o crecemento e benestar da nosa comunidade”.

Na presentación tamén participou José Ramón Romero, alcalde de Boiro, quen resaltou a relevancia deste tipo de proxectos para a dinamización económica do municipio. Romero indicou: “O apoio ao comercio local é esencial, e esta iniciativa contribúe de xeito directo a fortalecer as nosas empresas e mellorar a calidade de vida na nosa vila”.

Compromiso coa economía local

A ABE lembrou que iniciativas como esta son fundamentais para “fomentar o consumo local, recompensando a confianza da clientela e mantendo o tecido empresarial activo”.

Recordou tamén que toda a información sobre o programa, listado de empresas e o catálogo de premios está dispoñíbel na páxina oficial de ABE.

O programa conta coa financiación da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Boiro.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...