
A Unión Europea sempre estivo comprometida, polo menos en teoría, coa redución da pobreza e a exclusión social. Actualmente e de fronte ao futuro, segundo algúns expertos, requirirá un cambio de paradigma nas políticas económicas, cuxo punto de partida deberá ser o nivel de vida e o benestar dos cidadáns, fronte aos grandes índices macroeconómicos. O importante terá que ser garantir o acceso a un nivel mínimo de renda que outorga a capacidade potencial e real de satisfacer as necesidades básicas da persoa, facendo efectiva a liberdade de elixir a vida que os individuos desexen, proporcionándolles certa protección fronte aos riscos de carácter económico e persoal.
Para que isto poida ser realidade as diferentes administracións públicas teñen que manter un peso decisivo no gasto público destinado á protección social, como en pensións e desemprego así como en educación, sanidade e servizos sociais. Todo iso a través dunha política redistributiva valente e que entendan que os servizos públicos recibidos non dependen en absoluto da renda das familias senón das súas necesidades e que así xeraría a igualdade de oportunidades. Para que isto suceda, os nosos gobernantes teñen que ser conscientes de que para garantir o estado de benestar, como sucede en países como Noruega, Suecia, Dinamarca, Holanda… , non só é necesario a previsión de gasto senón ter unha clara vontade e decisión política.
Loxicamente, este estado de benestar, ten que estar garantido en todo o territorio español. A Constitución de 1.978 establece o compromiso de facer compatible a diversidade territorial coa igualdade de oportunidades no acceso aos servizos públicos.




