A iniciativa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, argallada en orixe pola profesora do IES da Pobra Pilar Ponte e amplificada logo a máis centros pola Secretaría Xeral da Lingua (Consellería de Cultura e Lingua), segue a ter ramificacións nos centros educativos da nosa terra. Na mañá deste 18 de marzo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a profesora Pilar Ponte presentou no Colexio López Ferreiro, en Santiago de Compostela, a iniciativa Falamos +, na que participan dez centros repartidos polas catro provincias co obxectivo de “impulsar o uso da lingua galega entre a cativada desde a perspectiva do lecer dentro do ámbito escolar”.

O conselleiro explicou que este proxecto “responde ás liñas marcadas no Pacto pola Lingua, no que facemos fincapé no fomento do galego nos centros educativos máis alá das aulas, centrándonos en actividades de carácter lúdico”. Neste senso, engadiu, “temos en conta que os colexios, ademais das horas lectivas, constitúen espazos de socialización de grande importancia que nos dan a oportunidade de desenvolver este tipo de accións para chegar aos máis pequenos”.
Así, tal e como lembrou, son os propios centros e as familias as que crean as propostas que “achegan o alumnado á nosa cultura e á nosa lingua actuando como protagonistas”. Deste xeito, durante tres semanas, que comezaron o pasado día 17 e finalizarán o 28 deste mes, o alumnado realiza diversas actividades, supervisadas pola coordinadora do programa, Pilar Ponte, que teñen que ver con monólogos, conversas, contos, teatro ou xogos.
A isto engádense outras temáticas como a ciencia ou as matemáticas, ao redor das que se realizan, por exemplo, xogos de lóxica. Por outra banda, a cativada de educación infantil e primaria tamén goza da escritura creativa, lecturas dramatizadas e mesmo do cante e o baile de música tradicional e moderna.
López Campos aproveitou o acto no colexio López Ferreiro para agradecer “o esforzo e implicación” dos centros, familias e profesionais que “apostan por estas ferramentas a prol da nosa lingua, contribuíndo ao seu prestixio e uso social desde idades temperás”.

Dez centros escolares
Os colexios participantes no programa Falamos + son, na provincia de Lugo, o Sagrado Corazón, de Ribadeo, e o Frei Luís de Granada, de Sarria. Na de Ourense toman parte na iniciativa o Ramón Otero Pedrayo, do Barco de Valdeorras, o colexio O Couto, na cidade das burgas, e o Virxe da Saleta, en San Cristovo de Cea. Pola súa parte, na provincia da Coruña interveñen o López Ferreiro e o Divino Maestro, de Santiago de Compostela, o Atios, de Valdoviño, e o Virxe de Cela, de Monfero. En Pontevedra, participa o colexio Alfonso VII, de Caldas de Rei.
Todos eles achegarán a súa experiencia a través dun blog que actúa como fío condutor desta iniciativa, no que irán amosando as diferentes actividades desenvolvidas en cada unha das xornadas do programa.