A Asociación Cultura Barbantia, o xornal La Voz de Galicia, a Editorial Ézaro / Buxa e o Concello de Noia organizan este venres 28 de marzo a presentación do Premio de Investigación Buxa 2023-2024 , o libro As minas dos ingleses: San Finx, de Joám Evans Pim e Manuel Lara Coira (coord.), que terá lugar o venres 28 de marzo, ás 20.30 h no Edificio Casino do Concello de Noia (Rúa Galicia, 8, Noia).
Intervirán no acto, amais do autor, María Xosé Blanco, presidenta de Barbantia, Manuel Lara Coira, presidente de Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial), Xerardo Agrafoxo, escritor noiés, profesor e voceiro de Barbantia, e José Pérez, concelleiro de Cultura de Noia. No acto presentarase tamén o suplemento cultural A Voz de Barbantia número 203, que se distribúe como de costume con La Voz de Galicia deste sábado 29 de marzo.
O libro que se presenta este venres obtivo como dixemos o Premio de Investigación Buxa 2023-2024. A obra foi presentado ao certame baixo o lema Ouro negro. O xurado foi presidido por Claudio Otero Eiriz, sendo vogais Xaquín Lores Torres e Santiago Llovo Taboada. Como secretario actuou o presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial, Manuel Lara Coira. Nas súas deliberacións, os membros do xurado tiveron en consideración o esforzo de investigación, a contextualización das referencias, a novidade e interese da obra e á súa achega ao coñecemento, entre outros parámetros.






